Ribadeo acolle a 12+1 concentración de motos tras seis anos de parón con música, rutas e gastronomía

Ribadeo acolle esta fin de semana a 12+1 concentración de motos, organizada polo Motoclub Al Corte, nun evento que terá lugar entre o 26 e o 28 de xuño no aparcadoiro da rúa Daniel Cortezón.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, destacou que tras seis anos de espera “os motores volverán soar nas nosas rúas”, celebrando o regreso dunha cita que, segundo subliñou, chega con moita ilusión e con vontade de reunir moteros e moteras procedentes de distintos puntos.
Segundo explicou a edil, a programación inclúe un calendario completo de actividades pensado para o público asistente, no que haberá rutas turísticas, música en directo, exhibicións e tamén unha oferta gastronómica destacada.
Saiz sinalou ademais que este parón de seis anos serviu para reforzar o evento e impulsar unha nova edición con máis actividades e participación, coa intención de converter a concentración nun punto de encontro para afeccionados e veciñanza.
“Xa sabes, teñas moto ou non, ven pasalo ben con Motoclub Al Corte”, engadiu a concelleira, animando á participación de toda a cidadanía.