Ribadeo abre o prazo para anotarse nas Escolas Deportivas de Verán

O Concello de Ribadeo abrirá do 1 ao 5 de xuño o período de inscrición nas Escolas Deportivas de Verán, unha iniciativa dirixida a nenas e nenos nacidos entre os anos 2011 e 2018 e que volverá apostar polas actividades náuticas como principal atractivo da programación estival.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que a edición deste ano contará con tres modalidades deportivas: surf, piragüismo e vela. En total, o Concello ofertará 79 prazas repartidas entre as diferentes disciplinas.
Segundo detallou o edil, a escola de surf disporá de 18 prazas e desenvolverase durante os meses de xuño e xullo. Ademais, están previstas dúas xornadas náuticas especiais programadas para os días 20 de xuño e 10 de xullo. O alumnado participante deberá acudir co seu propio neopreno para poder realizar a actividade.
No caso do piragüismo, a oferta será de 35 prazas destinadas a rapaces e rapazas nacidos entre 2011 e 2017. As sesións celebraranse ao longo do mes de xullo e os horarios adaptaranse ás mareas para facilitar a práctica desta modalidade deportiva.
A programación completarase coa escola de vela, que contará con 26 prazas e que tamén se desenvolverá entre os meses de xuño e xullo.
O prezo de participación nas Escolas Deportivas de Verán será de 40 euros. As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula na Casa da Xuventude de luns a venres en horario de mañá, entre as 9:00 e as 14:00 horas, así como os martes e xoves tamén en horario de tarde, de 16:00 a 18:00 horas.
Desde a Concellería de Deportes e Mocidade lembran que o sorteo das prazas terá lugar o día 8 de xuño. Ademais, indican que o pagamento da autoliquidación deberá efectuarse entre os días 8 e 12 de xuño na conta do Concello en Caixa Rural.
O resgardo do ingreso deberá entregarse posteriormente na Casa da Xuventude, xa que a falta deste documento suporá a baixa automática na actividade ou actividades nas que se obtivese praza.
Para resolver dúbidas ou solicitar máis información, o Concello de Ribadeo pon á disposición das familias o teléfono 982 129 889 e o correo electrónico deportes@ribadeo.gal.