Renovada a grada do campo de fútbol de Alfoz cunha intervención que elimina o amianto

AMariñaXa
O Concello substitúe a antiga cuberta de fibrocemento por unha estrutura moderna e segura grazas a unha subvención do Instituto de Estudos do Territorio
Alfoz-grada-campo-municipal-2025
17 Nov 2025

O Concello de Alfoz vén de completar unha actuación de relevancia no Campo de Fútbol Municipal, onde se renovou por completo a cuberta da grada principal seguindo criterios de seguridade, modernización e integración paisaxística. A obra realizouse ao abeiro das axudas da Xunta de Galicia para a corrección de impactos paisaxísticos en concellos, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e contou cun investimento total de 28.809,08 euros, dos cales 20.000 euros proceden de subvención autonómica.

A intervención centrouse na retirada da antiga cuberta de fibrocemento con amianto, un material que, co paso dos anos, amosaba roturas e desgaste. O deterioro implicaba risco sanitario para as persoas usuarias e para a veciñanza, ao poder liberar partículas perigosas á atmosfera. Para garantir unha actuación segura, o Concello contratou unha empresa especializada e autorizada, encargada de todo o proceso de retirada, encapsulado, transporte e depósito nun vertedoiro específico para residuos con amianto, de acordo coa normativa vixente.

Unha vez eliminada a estrutura antiga, procedeuse á instalación dunha nova cuberta de chapa lacada, máis acorde coa contorna e coas recomendacións da Guía de Cor e Materiais de Galicia. Ademais, realizouse o pintado integral da estrutura metálica da grada con imprimación antioxidante e esmalte verde, actuando non só na estética, senón tamén na protección fronte á corrosión.

Desde o Concello destacan que esta mellora supón “un avance notable na seguridade e calidade dunha das instalacións deportivas máis utilizadas do municipio”, e subliñan que a retirada do amianto era unha prioridade tanto pola saúde pública como pola integración ambiental. O goberno local salienta tamén o apoio económico do Instituto de Estudos do Territorio, que permite avanzar “na dignificación das infraestruturas municipais e na construción dun rural máis seguro, máis coidado e máis atractivo para a veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.071397066116333