Rematan as obras de renovación do saneamento e pavimentación da rúa de acceso ao campo de fútbol

O Concello de Xove vén de rematar, durante este mes de outubro, as obras de mellora da rúa Acceso Campo de Fútbol, unha actuación de especial importancia para o municipio que contou cun investimento total de 89.341,11 euros.
Os traballos, executados pola empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa, tiveron como obxectivo principal renovar a rede de saneamento e recollida de augas pluviais, corrixir as deficiencias da infraestrutura existente, contribuíndo así á modernización dos servizos públicos e á mellora das condicións de seguridade e salubridade na contorna.
A actuación respondeu á necesidade de correxir os problemas que presentaba o antigo colector de saneamento, cuxas deficiencias estruturais provocaban filtracións e verteduras ás parcelas lindeiras, ademais de malos olores e condicións de insalubridade naquela zona. Deste xeito, mellórase a capacidade hidráulica da rede e redúcese o risco de acumulación de sedimentos.
O investimento total da actuación ascendeu a 89.341,11 euros. Desta cantidade, 32.000 euros foron achegados polo Fondo de Compensación Ambiental, mentres que o importe restante se financiou a través dun convenio coa Consellería de Industria.
A combinación destas dúas vías de financiamento, xunto coa xestión realizada polo Concello, permitiu executar unha obra necesaria para o municipio sen ter que destinar fondos propios municipais ao seu financiamento.
Deste xeito, o Concello de Xove conseguiu levar a cabo unha intervención cun importante investimento económico, resolvendo problemas estruturais e ambientais da antiga rede de saneamento, mellorando a evacuación das augas pluviais da rúa Acceso Campo de Fútbol.
A actuación supón, ademais, un importante aforro para as arcas municipais e pon de manifesto a importancia da colaboración entre administracións e da procura de financiamento externo para desenvolver infraestruturas necesarias para a veciñanza.