As obras para recuperar o lavadoiro da Ponte Labrada de Viveiro comezarán en breve

O lavadoiro da Ponte Labrada, en Viveiro, será obxecto en breve de obras de conservación e mantemento co obxectivo de recuperar este elemento de valor etnográfico e mellorar o espazo no que se atopa. Os traballos xa están adxudicados e a previsión é que a actuación quede completamente rematada antes de que finalice este ano.
O proxecto conta cunha achega de 38.400 euros do Goberno autonómico, que financia o 80% da intervención a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, mediante un convenio co Concello de Viveiro.
O delegado territorial en Lugo, Alfonso Villares, visitou a zona acompañado pola alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, para coñecer o espazo no que se desenvolverán os traballos.
A actuación permitirá conservar e poñer en valor o lavadoiro da Ponte Labrada, recuperando este elemento tradicional para o seu aproveitamento sociocultural. A intervención busca tamén contribuír á preservación dunha parte do patrimonio e da memoria local vinculada aos antigos lavadoiros e ao seu papel na vida cotiá.
Xunto coa recuperación do elemento etnográfico, o proxecto contempla unha mellora ambiental e paisaxística da contorna, favorecendo a integración do espazo e a súa posta en valor.
A actuación tamén pretende aproveitar o potencial turístico deste enclave. A recuperación do lavadoiro permitirá incorporar o lugar ás rutas turísticas de Viveiro e sumar así un novo punto de interese relacionado co patrimonio tradicional do municipio.
Durante a visita, Villares destacou a colaboración entre administracións para desenvolver actuacións destinadas a recuperar espazos públicos e elementos patrimoniais nos municipios da provincia.