Reinícianse as obras das dúas rotondas de Cangas na N-642 en Foz

Foz
AMariñaXa
O proxecto, cun investimento de 720.875,65 euros, permitirá actuar en dous puntos da estrada Nacional 642 con elevada intensidade de tráfico
FOZ-OBRAS-DE-CANGAS-rotondas-setembro-2026
29 Sep 2026

As obras para a construción das dúas rotondas previstas na estrada Nacional 642 ao seu paso por Cangas, en Foz, retómanse tras o período de paralización. O Concello de Foz agradeceu ao Ministerio de Transportes o reinicio destes traballos, incluídos nun proxecto cun orzamento de 720.875,65 euros.

A actuación contempla dúas novas glorietas en puntos diferentes da N-642. A primeira sitúase no cruce de Gralleira-Ribela, onde os traballos comezaron en setembro de 2024. Esta intervención atópase pendente dalgúns remates na barreira de seguridade.

A segunda rotonda corresponde á intersección da N-642 coa estrada LU-162, que comunica con Ferreira, e coa zona do Centro Cívico. Trátase dun punto cunha importante intensidade de tráfico e que o Concello considera especialmente perigoso.

O proxecto destas dúas actuacións foi publicado por primeira vez no Boletín Oficial do Estado en agosto de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, sinala que o Concello levaba tempo reclamando a execución das obras e destaca que responden a unha demanda veciñal.

Segundo explica o rexedor, a actuación sufriu atrasos debido a que o proxecto inicial non contemplaba a reposición dos servizos afectados, circunstancia que contribuíu a prolongar os prazos.

Co reinicio dos traballos, o Concello agarda que avance a execución das dúas glorietas previstas na N-642, especialmente a correspondente á intersección coa LU-162 e o Centro Cívico.

0.15213799476624