Presentado o programa da histórica Rapa de Candaoso que reunirá tradición e andadura no monte de Viveiro

GaliciaXa | AMariñaXa
A área de Rural da Deputación de Lugo apoiará a quincuaxésimo quinta edición cunha degustación gratuíta de carne de poldro de Pura Raza Galega
VIVEIRO rapa de candaoso
3 Jul 2026

Lugo acolleu a presentación oficial da quincuaxésimo quinta edición da Rapa de Candaoso, unha das citas gandeiras e culturais máis arraigadas de cantas se celebran na comarca da Mariña. O deputado da área de Rural, Daniel García, foi o encargado de dar a coñecer os detalles da programación deste ano xunto cos membros integrantes da comisión organizadora do evento, que terá lugar este mesmo domingo no curro de Boimente, no termo municipal de Viveiro.

Un dos aspectos máis salientables desta entrega será a campaña de promoción gastronómica posta en marcha polo goberno provincial. A través da iniciativa 'Un gusto de rural, un rural degusto', os asistentes á xornada poderán desfrutar de xeito gratuíto de hamburguesas elaboradas con carne de poldro de Pura Raza Galega. Con esta degustación búscase potenciar o consumo deste alimento de calidade e poñer en valor a cría de cabalos en réxime de liberdade nos montes de Buio e Lerín.

García destacou durante a rolda de prensa a relevancia do sector equino no deseño da paisaxe, da gandería extensiva e da identidade cultural da zona. O obxectivo prioritario desta colaboración institucional é abrir novas canles de comercialización para estes produtos autóctonos, garantindo así a viabilidade económica e o futuro das explotacións tradicionais que operan na montaña.

A veterana Rapa de Candaoso, catalogada como festa de Interese Turístico, revivirá unha vez máis a súa espectacular esencia no interior do curro. Alí, as aloitadoras e aloitadores medirán as súas forzas cos animais para proceder ao tradicional corte de crinas e á súa correspondente marcaxe. Como complemento á xornada matinal, a tarde reservará un oco para a competición coas tradicionais carreiras de andadura nas modalidades de serrada e chapeada, nas que a organización repartirá preto de 3000 euros en premios entre as distintas categorías participantes.

PROGRAMA

0.12637495994568