Portos derrubará en 2027 as naves abandonadas do peirao norte de Celeiro

AMariñaXa
A actuación, reclamada pola confraría de pescadores, afectará á antiga fábrica de xeo, cámaras e instalacións de tratamento de peixe e completarase con melloras no saneamento e nos servizos da dársena
Reunion-Portos-Celeiro-2026)
16 Sep 2026

As naves abandonadas do peirao norte do porto de Celeiro serán demolidas ao longo de 2027, atendendo así unha das demandas formuladas pola confraría de pescadores. Portos de Galicia incluirá a actuación nos seus orzamentos para o próximo exercicio, que se atopan actualmente en fase de elaboración.

A presidenta do ente público, Natalia Botana, anunciou a intervención este mércores durante unha visita ao porto de Celeiro, onde mantivo unha reunión co patrón maior, Domingo Seijas, para abordar diferentes necesidades das instalacións portuarias.

O proxecto permitirá retirar varias construcións que permanecen actualmente sen actividade. En concreto, derrubaranse as naves correspondentes á antiga fábrica de xeo, as cámaras e antigas concesións destinadas ao tratamento de peixe, instalacións que se atopan en desuso e cuxa eliminación viña reclamando a confraría.

Botana confirmou que a previsión de Portos de Galicia é incorporar aos seus orzamentos de 2027 a execución do derrube, de maneira que a actuación poida desenvolverse durante o próximo ano.

Saneamento e urbanización do peirao norte

A demolición non será a única intervención prevista nesta zona do porto. Durante o encontro, a presidenta de Portos e o patrón maior analizaron tamén o proxecto de saneamento do peirao norte, que incluirá a canalización de servizos e a urbanización da fronte dos departamentos.

Esta actuación dará un novo paso nos próximos meses coa súa licitación. Na reunión abordouse igualmente a revisión de elementos de menor entidade das instalacións portuarias, entre eles escaleiras e varandas, co obxectivo de detectar as necesidades de reparación ou mellora.

A visita serviu así para repasar varias das peticións trasladadas polos profesionais que desenvolven a súa actividade na dársena e planificar novas intervencións sobre un espazo clave para a actividade pesqueira de Celeiro.

Reunión co grupo Puerto de Celeiro

Tras o encontro coa confraría de pescadores, Natalia Botana desprazouse ás instalacións do grupo Puerto de Celeiro, que integra empresas e armadores vinculados á actividade pesqueira e traballa para reforzar a competitividade da frota.

Na reunión coa súa directiva analizáronse diferentes propostas relacionadas coa compatibilidade dos usos do solo portuario, coa intención de facilitar que os espazos dispoñibles poidan acoller distintas actividades vinculadas ao funcionamento e desenvolvemento do porto.

0.14430403709412