‘Plans con corazón’ regresa con 16 propostas para descubrir todos os concellos da Mariña

A Mariña volverá converter o seu patrimonio, natureza, gastronomía e tradicións no fío condutor de ‘Plans con corazón’, que alcanza este ano a súa sétima edición cun programa formado por 16 experiencias, unha en cada concello do xeodestino. As actividades desenvolveranse entre o 26 de setembro e o 14 de novembro, da man de guías locais e persoas vinculadas ao territorio.
A iniciativa está promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, no marco dos convenios de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, e busca ofrecer alternativas de lecer que permitan coñecer a comarca desde perspectivas diferentes e, ao mesmo tempo, favorecer a desestacionalización turística.
O programa foi presentado na área do Muíño do Pereiro, en Lourenzá, nun acto encabezado pola presidenta da Mancomunidade e alcaldesa laurentina, Rocío López. Acompañárona representantes das administracións, responsables e guías do programa e persoas vinculadas aos novos proxectos participantes.
Rocío López destacou que as propostas permitirán descubrir A Mariña dunha maneira "máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan aquí". Un dos elementos distintivos será precisamente a presenza de anfitrións locais, que compartirán cos participantes os seus oficios, experiencias e iniciativas.
NOVAS EXPERIENCIAS
Entre as novidades de 2026 figura a incorporación de produtores que participaron no Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA). Estarán presentes Cooperativas Terras da Mariña, Mel O Poder das Flores, Shiifos Micoloxía, Grupo Naterra e a Comunidade de Montes en Man Común de Frexulfe, no Valadouro.
Tamén se estrea Mar Aberto, un proxecto impulsado polos estudantes do grao de Turismo da UDC Anxo García, Diego Rodríguez e Juan Fernandes para ofrecer un roteiro accesible e inclusivo arredor do patrimonio mariñeiro da Mariña.
As propostas permitirán descubrir lugares e historias moi diferentes: desde a montaña de Ribadeo e o mundo das abellas en Alfoz ata os muíños da Pontenova, as caleiras de Ourol, as aves de Barreiros, a Faba de Lourenzá, o patrimonio literario de Mondoñedo ou as turbeiras de Viveiro. Tamén haberá percorridos en Trabada, Foz, O Valadouro, Xove, Burela, Riotorto, O Vicedo e Cervo. O programa arrincará o 26 de setembro en Ribadeo e concluirá o 14 de novembro con propostas no Vicedo e Cervo.
As inscricións realizaranse en liña e as prazas serán limitadas. Os prezos serán de 5 euros para a inscrición individual, 9 euros por parella e 15 euros por grupo, incluíndo a visita guiada e os seguros de responsabilidade civil e accidentes.
A iniciativa chega á nova edición despois de reunir en 2025 a 249 participantes, procedentes tanto da Mariña como doutros puntos de Galicia e de comunidades como Asturias, Madrid ou Valencia. As actividades esgotaron prazas e acadaron unha valoración media de 9,4 puntos sobre dez.