Ourol acolle a exposición fotográfica ‘Express-Arte’ sobre igualdade e prevención da violencia de xénero

O Concello de Ourol acollerá a exposición fotográfica ‘Express-Arte, unha perspectiva de diferentes realidades dende a arte’, unha proposta que busca achegar á cidadanía distintas experiencias e perspectivas sociais a través da fotografía e da expresión artística.
A iniciativa desenvolverase no marco do Acordo de Colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
A mostra foi creada dentro do Programa de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero, promovido pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL). O seu obxectivo é presentar diferentes realidades e experiencias mediante a arte e a fotografía, ao tempo que se fomenta a reflexión arredor da igualdade, a prevención da violencia de xénero e a necesidade de avanzar cara a unha sociedade baseada no respecto, a liberdade e a igualdade de oportunidades.
Ourol foi seleccionado como un dos municipios que acollerán esta proposta, que permanecerá aberta ao público do 22 de outubro ao 4 de novembro no Edificio Multiúsos. Segundo a información facilitada polo Concello, a exposición poderá visitarse durante un período máximo de dez días.
A actividade pretende combinar cultura e sensibilización social, achegando á veciñanza unha proposta centrada na igualdade e na concienciación fronte á violencia de xénero. A través das imaxes e das diferentes perspectivas que presenta, a organización convida á cidadanía a coñecer a mostra e reflexionar sobre as realidades sociais e humanas que aborda.