Os xulgados de Viveiro incorporarán unha terceira praza na Sección Civil e de Instrución

AMariñaXa
O BNG celebra a creación dunha nova praza na Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia e reivindica as xestións realizadas desde as institucións para conseguila
VIVEIRO xulgados
21 Nov 2026

Viveiro contará cunha terceira praza xudicial na Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia, unha medida que responde a unha reivindicación histórica do persoal da Administración de Xustiza e que o BNG da Mariña celebra tras a publicación da súa creación no Boletín Oficial do Estado (BOE). O PSOE tamén celebrou este feito.

A organización nacionalista reivindica a súa participación nas xestións para conseguir este reforzo xudicial, lembrando as emendas presentadas aos orzamentos da Xunta o pasado ano e durante o actual proceso de elaboración orzamentaria para reclamar a creación desta nova praza.

O BNG tamén lembra a visita institucional realizada o pasado 15 de maio ás dependencias xudiciais de Viveiro, na que participaron os deputados do Parlamento galego Iago Tabarés e Daniel Castro, o deputado no Congreso Néstor Rego, a portavoz municipal e candidata á Alcaldía de Viveiro, Iria Cotelo, e o responsable comarcal, Antonio Veiga. Durante o encontro, os representantes nacionalistas coñeceron de primeira man as necesidades e reivindicacións do persoal dos xulgados.

O deputado Daniel Castro considera que a creación desta praza é froito dunha reivindicación xusta que o BNG trasladou tanto ao Parlamento galego como ao Congreso dos Deputados. Segundo sinala, é unha mostra da importancia de contar con representación política que coñeza os problemas da comarca e traballe para conseguir solucións.

Pola súa banda, Iria Cotelo destaca que reforzar os xulgados de Viveiro resulta fundamental para garantir unha atención xudicial digna e de calidade aos veciños do municipio e das localidades da contorna.

Reclaman persoal e medios para a nova praza

O BNG advirte, non obstante, de que a creación do novo posto, prevista para entrar en funcionamento o 31 de decembro de 2027, deberá ir acompañada dunha dotación suficiente de persoal funcionario e medios materiais para garantir o seu correcto funcionamento.

A formación nacionalista insiste en que non abonda con crear unha praza sobre o papel, senón que é necesario asegurar os recursos humanos necesarios para que poida prestar servizo de maneira efectiva.

Neste sentido, o partido tamén reivindica o papel que desempeña no Congreso dos Deputados para trasladar as demandas da Mariña ao ámbito estatal e conseguir avances para a comarca.

0.14923501014709