O PSOE celebra a creación dunha terceira praza de xuíz no xulgado de Viveiro

AMariñaXa
A nova praza permitirá repartir a carga de traballo e axilizar a tramitación dos asuntos do partido xudicial
Viveiro-PSOE-Maria-Loureiro-2023
20 Nov 2026

A Agrupación Socialista de Viveiro celebra a aprobación polo Goberno de España dunha terceira praza de xuíz ou xuíza na Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Viveiro. A medida está recollida no Real decreto 996/2026, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 17 de novembro, que establece o 31 de decembro de 2027 como data prevista para a súa entrada en funcionamento.

O PSOE de Viveiro lembra que, durante o mandato da exalcaldesa María Loureiro, o goberno municipal mantivo varias reunións co persoal dos xulgados para coñecer as necesidades do servizo. Nestes encontros púxose de manifesto a necesidade de incorporar unha terceira praza xudicial ante a acumulación de asuntos e a carga de traballo existente.

Segundo explica a formación socialista, o Concello trasladou esta reivindicación ao Ministerio de Xustiza e mantivo tamén diferentes reunións co departamento estatal para impulsar a creación desta nova praza.

A incorporación dun terceiro xuíz ou xuíza permitirá repartir mellor o volume de traballo e axilizar a tramitación dos procedementos civís e das causas de instrución penal. O obxectivo é reducir os tempos de espera e mellorar a atención á cidadanía dos sete concellos que integran o partido xudicial de Viveiro.

0.15576004981995