Os Troitas Bravas manteñen o dominio na penúltima xornada da tempada de billarda en Muimenta

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
O XII Aberto “A Terra non se vende” reuniu máis de sesenta xogadores no campo do Pichón, cunha xornada marcada pola estabilidade nas clasificacións e os podios case definidos
Podio-billarda-muimenta-2026
28 Apr 2026

A penúltima cita da tempada 2025/26 de billarda celebrouse no campo de fútbol “O Pichón” de Muimenta, dentro do XII Aberto “A Terra non se vende”, nunha tarde inicialmente soleada que foi refrescando co paso das horas e na que participaron máis de sesenta palanadores.

A xornada desenvolveuse con certa tranquilidade competitiva, xa que as clasificacións xerais están practicamente decididas e non se produciron grandes cambios nos postos de cabeza. A nivel individual, Gundar acadou a vitoria tras unha actuación sólida, seguido de Markytos e Emilio, que empataron con 18 puntos e tiveron que resolver o segundo e terceiro posto nun desempate.

Por equipos, os Troitas Bravas volven reforzar o seu liderado e manteñen a primeira posición cunha vantaxe de dous puntos sobre Billardeiros Musicais e Carabullo, que continúan loitando polo podio final da tempada.

Na categoría feminina, Aroa e Geni impuxéronse con autoridade, mantendo o protagonismo das xogadoras musicais, mentres que Juncal segue a súa progresión e consolídase como unha das revelacións, acadando o seu segundo posto de podio.

Na categoría infantil, non houbo sorpresas, con Mateo e Antía, dos Troitiñas, dominando a clasificación por diante de Mateo Ledesma.

A tempada pecharase o vindeiro 9 de maio en Remourelle, onde aínda quedan postos por decidir, especialmente o terceiro posto infantil e a categoría de varados, que promete emoción ata o final. A organización agarda unha xornada festiva, coa tradicional torrezmada e bo ambiente entre participantes.

0.11276578903198