Os Trasnos de Ribadeo arrancan a tempada con vitorias e partidos igualados

A tempada 2026/27 de Hockey Liña Ribadense xa está en marcha. A liga autonómica arrancou en outubro coa participación dos equipos do club, que comezaron a súa actividade competitiva con encontros de diferente resultado e emoción ata os últimos minutos.
O equipo infantil dos Trasnos estreouse o 3 de outubro no pavillón de Ourense, onde se mediu ao Brigantium e ao Ártabros da Coruña. A xornada saldouse con dúas derrotas para o conxunto ribadense.
Pola súa banda, o equipo alevín viviu o 31 de outubro en Ourense unha xornada moi igualada. Os Trasnos enfrontáronse ao Alquimia Inline da Coruña e ao Lóstregos de Lugo, nunha dobre cita que rematou con dous empates. No primeiro partido, o equipo ribadense conseguiu o bonus na quenda de penaltis, grazas aos lanzamentos de Cidre Nonide García, Zoe Méndez Trigo e Daniel García Gutiérrez. No segundo encontro, foi o equipo rival o que se levou ese punto adicional.
A competición autonómica non profesional de Hobby Hockey tamén deu comezo esta fin de semana. O pavillón municipal Alfredo Deaño de Ribadeo acolleu este sábado 7 de novembro os primeiros encontros desta modalidade, na que participa un equipo local formado por pais e nais do club.
A estrea non puido ser mellor para os Trasnos, que se impuxeron nos dous partidos disputados. O primeiro rematou cun 1-4 favorable ao equipo ribadense fronte ao Alquimia, mentres que no segundo os locais venceron por 5-0 ao Ártabros. Deste xeito, o conxunto de Hobby Hockey iniciou a liga cun dobre triunfo diante da súa afección.