Os socialistas esixen á Xunta que rectifique e deixe de marxinar Lugo no plan autonómico de residencias

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Lara Méndez cuestiona que 23 dos 25 centros previstos se sitúen en municipios gobernados polo PP e só catro na provincia de Lugo, malia o seu envellecemento
socialistas-lugo-residencia
30 Sep 2026

O PSdeG esixiu hoxe á Xunta que rectifique o seu plan de residencias e deixe de marxinar a provincia de Lugo, cun reparto que prima os concellos gobernados polo PP e afonda na privatización dos coidados. A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o deputado provincial Pablo Rivera; e a concelleira de Lugo Ana Abelleira denunciaron, nunha rolda de prensa na sede do partido, que o Goberno de Rueda segue sen asumir a súa responsabilidade de garantir unha rede pública de residencias que responda ao envellecemento da provincia e permita ás persoas maiores recibir os coidados que precisan preto da súa contorna, sen depender da súa capacidade económica nin da cor política do seu concello.

Lara Méndez cuestionou que a Xunta reserve só catro dos 25 centros anunciados para Lugo, unha das provincias máis envellecidas de Galicia xunto con Ourense, e reclamou explicacións sobre os criterios empregados. “Que criterios utilizou a Xunta para que, desas 25 residencias que vai implementar en todo o territorio galego, 23 sexan para concellos do Partido Popular?”, preguntou.

“As residencias teñen que responder ás necesidades das persoas, dos concellos e do territorio, e non á cor política de quen goberne”, defendeu, ao tempo que rexeitou que Goberno de Rueda condicione a atención aos maiores a intereses partidistas: “Non se pode castigar as persoas maiores por decidir libremente nas urnas quen queren que as goberne”.

Méndez advertiu, ademais, de que o 40% das prazas do novo plan serán privadas e vinculou esta decisión coa aposta do PP polos concertos coa iniciativa privada, mentres acumula anos sen construír residencias de titularidade e xestión integramente públicas. Fronte a esa política, reivindicou a autonomía persoal e o envellecemento activo, así como unha resposta pública cando se precisa atención residencial, con centros próximos e ben dimensionados que sexan un fogar e permitan vivir con dignidade.

Pola súa parte, Pablo Rivera denunciou que o novo anuncio de Rueda consolida a privatización dos coidados e advertiu da necesidade de atender á súa “letra pequena”. Segundo os datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais que expuxo, 30 das 54 residencias da provincia son privadas. O deputado censurou que a Xunta leve máis de 17 anos sen construír unha residencia de titularidade e xestión integramente públicas e lembrou que o pleno da Deputación de Lugo aprobou onte unha iniciativa do PSdeG para esixir á Administración autonómica que aposte por este modelo.

Fronte a esta política do PP, Rivera reivindicou a rede provincial de residencias iniciada en 2010 baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro. Explicou que a Deputación asumiu esta tarefa sen ter a competencia nin a obriga legal, ante a “inoperancia, pasividade e falta de resposta da Xunta”, así como das necesidades demográficas da provincia.

O deputado provincial explicou que a institución conta con nove centros en funcionamento e outros oito pendentes de abrir, cunha localización baseada en criterios de dispersión xeográfica, despoboamento e envellecemento, con presenza en concellos moi pequenos, moitos deles con menos de 1.000 habitantes. Destacou tamén que a dirección e os principais servizos se prestan con persoal público, con máis de 55 profesionais en ámbitos como a dirección, a fisioterapia ou a terapia ocupacional.

Rivera situou, ademais, o arraigo e a capacidade económica como elementos fundamentais do modelo de residencias da Deputación: facilitar que as persoas maiores permanezan na súa contorna, con prioridade de acceso para as nacidas no propio concello, e garantir que cada unha pague segundo os seus recursos mediante unha ordenanza pública, progresiva e social.

“Fronte a un modelo privatizador da Xunta hai un modelo público onde cada persoa paga segundo ten, que funciona”, afirmou. Neste sentido, relacionou os ataques á rede provincial co seu funcionamento e coa alternativa que representa á política autonómica. “Coidar dos maiores non é un negocio, é un dereito. Especialmente nunha provincia tan envellecida como a de Lugo”, subliñou.

No ámbito municipal, Ana Abelleira denunciou que a exclusión da capital do plan autonómico prolonga décadas de falta de resposta ás necesidades das persoas maiores. Lembrou que desde a construción das Gándaras, en 1978, non se construíu outra residencia pública na cidade, malia o crecemento da poboación e a existencia de máis de 20.000 persoas maiores de 65 anos. “Lugo cidade conta unicamente con 272 prazas públicas de residencia para unha poboación de máis de 100.000 habitantes”, alertou.

Neste sentido, Abelleira censurou que o PP votase en contra de esixir á Xunta a creación de prazas públicas no último pleno e cuestionou a actuación de Elena Candia, alcaldesa e presidenta provincial do PP, que dispón de interlocución directa co Goberno autonómico. Criticou tamén que presentase o anuncio dunha residencia privada en Recatelo coma se se tratase dun recurso municipal.

A socialista deu a benvida aos investimentos que xeren emprego pero advertiu de que unha praza privada só está ao alcance de quen pode pagala e de que unha residencia privada ou concertada non substitúe unha política residencial pública.

Por iso, reclamou á Xunta que orzamente, proxecte e constrúa con urxencia unha nova residencia pública en Lugo. Esixiu tamén ao Goberno de Candia que formalice o rexeitamento á marxinación da capital e reclame o centro á Administración autonómica, trasladando o acordo á Presidencia da Xunta, á Consellería de Política Social e aos grupos do Parlamento de Galicia.

RESPOSTA DA XUNTA

A Xunta de Galicia cuestionou as críticas do PSOE á selección dos concellos incluídos no novo proxecto de residencias promovido polo Goberno galego e contrapuxo estas acusacións ao plan de residencias impulsado durante a etapa de José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Deputación de Lugo.

Segundo sostén a Xunta, aquel plan beneficiou "única e exclusivamente" aos concellos gobernados polo PSOE e polo BNG, os dous partidos que gobernan na Deputación, polo que, segundo o Goberno galego, o 100% dos municipios seleccionados estaban baixo gobernos destas formacións.

A Xunta tamén cuestiona o funcionamento do modelo residencial da Deputación de Lugo e asegura que se atopa "en quebra". Neste sentido, critica que os maiores teñan que asumir incrementos no prezo das prazas e pon como exemplo a residencia de Pedrafita do Cebreiro, onde, segundo sinala, se produciu unha suba de máis de 400 euros ao mes "dun día para outro e sen previo aviso".

O Goberno galego tamén fai referencia á residencia de Becerreá, que, segundo indica, a Deputación foi incapaz de abrir debido ao custo mal calculado do seu funcionamento e para a que agora, asegura, se propón a privatización.

Fronte ás críticas socialistas sobre a falta de novas prazas residenciais na provincia, a Xunta reivindica diferentes actuacións desenvolvidas nos últimos anos. Entre elas, cita as 120 novas prazas en Lugo da residencia impulsada pola Fundación Amancio Ortega e outras 60 prazas públicas en Antas de Ulla.

O Goberno galego lembra tamén as 80 prazas correspondentes ás novas residencias construídas en Abadín e Riotorto, que foron financiadas pola Xunta a través do Plan de Investimentos.

A estas actuacións, engade outras 260 prazas que, segundo a Xunta, se crearán na provincia mediante o novo proxecto de residencias actualmente en marcha. Estas novas prazas estarán situadas nos concellos do Corgo, O Páramo, O Saviñao e Folgoso de Courel.

A Xunta defende así que estas actuacións contradín a afirmación do PSOE de que o Goberno galego leva tempo sen incrementar a oferta de prazas residenciais na provincia de Lugo e reclama ao partido socialista que teña en conta as novas infraestruturas e prazas previstas ou xa postas en marcha.

0.15156197547913