Os Obradoiros con Corazón abren novas prazas para cinco actividades artesás na Mariña

AMariñaXa
A elevada demanda levou á Mancomunidade a ampliar a programación, que se desenvolverá entre o 7 e o 15 de novembro con propostas de cerámica, kintsugi e creación de xoias
ceramica-plans-corazon-mariña
2 Nov 2026

Os Obradoiros con Corazón da Mariña Lucense amplían a súa programación con cinco novas actividades previstas entre o 7 e o 15 de novembro. A Mancomunidade de Concellos decidiu abrir esta segunda convocatoria despois de que as prazas iniciais se esgotasen poucas horas despois de comezar o período de inscrición. A ampliación busca ofrecer unha oportunidade ás persoas que quedaron en lista de agarda e permitir que novos interesados poidan participar.

A iniciativa chega á súa terceira edición e forma parte do produto turístico A Mariña Artesá, unha proposta que busca achegar aos visitantes a identidade do territorio a través de experiencias prácticas nos obradoiros profesionais. A Mancomunidade impulsa o programa co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e conta este ano coa colaboración da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense na organización.

As novas sesións celebraranse en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada e Viveiro. A primeira terá lugar o sábado 7 de novembro, ás 17.00 horas, en Mondoñedo, no obradoiro Esquina Atlántica. Baixo o título "Dende as Venus de arxila ata a maxia do torno de oleiro", os participantes poderán descubrir dúas formas tradicionais de traballar a cerámica: o modelado manual e o torno. A actividade incluirá a elaboración dunha pequena figura inspirada nas Venus do Paleolítico e unha primeira aproximación ao uso do torno.

O domingo 8, tamén ás 17.00 horas, Lucía Barro, do obradoiro Serendipia, impartirá en Ribadeo unha sesión para crear e decorar un servilletero de cerámica mediante a técnica do esgrafiado. A proposta está dirixida a persoas a partir de 14 anos e non require experiencia previa.

Trabada acollerá a terceira actividade o venres 13, ás 16.00 horas, da man de Lucía Catuxo Cerámica. As persoas asistentes poderán elaborar un marco de cerámica para fotografías ou espellos, dándolle forma á arxila e decorándoa ao seu gusto.

A programación continuará o sábado 14 en Mondoñedo, ás 17.00 horas, no obradoiro Artesanía do Pasatempo. Neste caso, a proposta xirará arredor do kintsugi, unha técnica xaponesa de reparación de pezas cerámicas que destaca as roturas con acabados dourados, convertendo as marcas e cicatrices nun elemento decorativo. Os participantes poderán levar unha pequena peza rota ou utilizar unha das facilitadas no propio obradoiro.

O último encontro será en Viveiro o domingo 15, ás 11.00 horas, no espazo Pura Garra. Baixo o nome "Caos Poético", a actividade permitirá crear uns pendentes de madeira mediante a transferencia de imaxes. Cada persoa poderá combinar formas e ilustracións, engadir detalles pintados e montar as súas propias pezas.

As prazas son limitadas para garantir unha atención próxima e personalizada. Os obradoiros terán prezos de entre cinco e dez euros e todos os materiais necesarios estarán incluídos nas actividades. No caso das propostas de cerámica, as pezas deberán completar posteriormente os procesos de secado, cocción e, cando corresponda, esmaltado, polo que poderán recollerse ou enviarse máis adiante.

A programación trasládase este ano ao outono coa intención de contribuír á desestacionalización turística e manter a actividade máis alá dos meses de maior afluencia. A proposta pretende diversificar as alternativas de lecer, dar a coñecer os oficios artesáns e favorecer unha relación máis directa entre visitantes e profesionais.

A Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña incorpórase nesta edición á organización, aínda que a colaboración entre os artesáns e a Mancomunidade vén de anos atrás. O traballo desenvolvido desde 2011 e o impulso dado a partir do Plan de Sostibilidade Turística en Destino e da Estratexia e Plan Operativo de Marketing da Mariña Lucense, en 2023, contribuíron á creación formal da entidade e á profesionalización dunha oferta que aposta pola identidade local e pola participación activa dos visitantes.

0.15537595748901