Os montes de Viveiro e as pinturas de Burela protagonizan os Plans con Corazón da vindeira fin de semana

Os municipios de Viveiro e Burela serán os protagonistas da vindeira fin de semana dos Plans con Corazón, a iniciativa impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña para dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e paisaxístico da comarca. As propostas do sábado 31 de outubro e do domingo 1 de novembro permitirán descubrir os montes do Buio e as turbeiras de Viveiro, así como percorrer a historia da pintura en Burela, desde as representacións medievais ata as expresións artísticas máis actuais.
O sábado, o guía Boris Vilar conducirá a actividade «Montes do Buio, as turbeiras de Viveiro», unha ruta polo bosque das Saimas e o Curro do Candaoso. O itinerario levará os participantes ata a parroquia de Santo André de Boimente, na zona máis meridional do municipio, un territorio pouco concorrido que conserva un importante patrimonio, con xacementos arqueolóxicos e a tradicional celebración da rapa das bestas. Aos pés dos montes do Buio, o bosque das Saimas destaca por ser probablemente o último reduto do bosque húmido atlántico no concello.
A programación continuará o domingo en Burela coa proposta «Burela é pintadiña en…», guiada por Noela Feal. O percorrido circular, dedicado ás pinturas do municipio entre os séculos XV e XXI, comezará nas representacións medievais da igrexa da Vila do Medio e chegará ata as creacións máis recentes, situadas nas proximidades da Confraría de Pescadores. Ao longo da ruta, as persoas participantes poderán coñecer a importancia da pintura na vila, onde murais e alfombras florais enchen de cor e vida distintos espazos ao longo do ano.
As dúas actividades aínda contan con prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición a través da páxina amarinalucense.gal. As prazas son limitadas e adxudícanse por orde de inscrición. O custo é de cinco euros para a inscrición individual, nove euros para parellas e quince euros para grupos. O prezo inclúe a visita guiada e os seguros de responsabilidade civil e accidentes.
Unha iniciativa para descubrir A Mariña durante todo o ano
Os Plans con Corazón celebran este ano a súa sétima edición cunha programación variada que busca afondar no coñecemento do xeodestino A Mariña Lucense. As actividades están conducidas por guías oficiais de Galicia especializados no patrimonio local, así como por profesionais da xeoloxía e da ornitoloxía e outros anfitrións do territorio.
A iniciativa, desenvolvida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa empresa Volta Montana, pretende presentar a comarca como un destino singular e diverso, favorecer a desestacionalización turística e achegar á poboación local espazos e experiencias que, en moitos casos, permanecen pouco coñecidos. O programa aposta por propostas que conectan coa identidade da Mariña e permiten descubrir o territorio desde unha perspectiva próxima e auténtica.
A programación conta cos guías oficiais Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, acreditados tamén co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense. A eles súmanse Juan Fernandes, o especialista en xeoloxía Iván Rodríguez e o especialista en ornitoloxía Saúl Román.
Entre as novidades deste ano destaca a incorporación de varios produtores que participaron a principios de ano no Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR, en colaboración coa Mancomunidade. O proxecto busca diversificar a oferta turística mediante experiencias agroturísticas capaces de atraer novos visitantes e contribuír á desestacionalización.
Os produtores que se incorporan aos Plans con Corazón son Cooperativas Terras da Mariña, Mel O Poder das Flores, Shiifos Micoloxía, Grupo Naterra e a Mancomunidade de Montes en Man Común de Frexulfe, no Valadouro.
A segunda novidade é a participación de Mar Aberto, un proxecto desenvolvido por tres alumnos do grao de Turismo da Universidade da Coruña: Anxo García, Diego Rodríguez e Juan Fernandes. A proposta nace co obxectivo de ofrecer un roteiro accesible e inclusivo arredor do patrimonio mariñeiro da Mariña Lucense.
A programación continuará en novembro
Tras as actividades de Viveiro e Burela, os Plans con Corazón ofrecerán novas propostas durante o mes de novembro. O sábado 7, en Riotorto, Noela Feal guiará «O mago Merlín e o seu amigo Don Pedro», unha ruta literaria e alquímica vinculada á obra «Merlín e Familia», de Álvaro Cunqueiro, que pasará por lugares relacionados co relato e rematará na que se identifica como a morada do mago.
O sábado 14 haberá dúas actividades. No Vicedo, Iván Rodríguez Lombardero conducirá «Entre dunas e volcáns», unha ruta xeolóxica pola praia de San Román-Arealonga para descubrir a diversidade de rochas, os cantís e os procesos naturais que conformaron esta contorna. Ese mesmo día, en Cervo, Anxo García e Juan Fernandes acompañarán os participantes en «San Cibrao, o ciclo vital da madeira», un itinerario accesible duns dous quilómetros que permitirá coñecer os oficios tradicionais, a historia dos estaleiros, a carpintaría de ribeira e a relación histórica da vila co mar e coa madeira.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña promove este programa no marco dos convenios anuais de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo. O obxectivo é ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, faciliten que a poboación o coñeza e goce del e contribúan a distribuír as visitas turísticas ao longo de todo o ano.