Os GDR galegos impulsan comedores escolares máis saudables e sostibles

Cinco Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos uniron os seus esforzos nun proxecto de cooperación centrado na promoción de comedores escolares máis saudables e sostibles. A iniciativa responde á crecente demanda social dunha alimentación que teña en conta non só a saúde, senón tamén o impacto económico e ambiental do actual sistema alimentario.
No proxecto participan a Asociación Terras de Miranda, a Asociación de Desenvolvemento Mariñas-Betanzos, a Asociación Seitura22, a Asociación de Desenvolvemento da Terra Chá e a Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais.
As actuacións previstas buscan introducir a alimentación saudable nos procesos formativos dos centros educativos e, ao mesmo tempo, favorecer unha maior presenza de produtos frescos, de tempada e de proximidade nos comedores escolares. Un dos eixos de traballo será o asesoramento aos centros para adaptar os seus menús aos requisitos establecidos polo Real Decreto 315/2025, que fixa criterios mínimos de calidade nutricional e sustentabilidade para a contratación de servizos e subministracións relacionados coa oferta de alimentos e bebidas e establece tamén requisitos para a programación dos menús escolares.
O proxecto pretende, ademais, reforzar os circuítos curtos de comercialización e favorecer que o consumo nos centros educativos teña unha repercusión positiva no propio territorio. Deste xeito, búscase conectar a demanda dos comedores colectivos coas producións agrícolas locais e coa oferta de alimentos de tempada.
A iniciativa xa contou en anualidades anteriores coa participación de varios centros educativos da comarca e do ámbito territorial dos GDR implicados. Entre eles figuran o CEIP Plurilingüe Celso Currás de Trabada, o CEIP Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo, o CEIP Plurilingüe Santa María do Valadouro, o CEIP de Cervo e o CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove.
Nesta nova anualidade incorpóranse ao proxecto outros centros: o CEIP Juan Rey de Lourenzá, así como o CEIP de San Cosme e as Escolas de San Cosme de Barreiros.
As actividades previstas inclúen obradoiros teóricos e prácticos destinados ao persoal de cociña, responsables dos comedores, ANPAS e equipos directivos dos centros escolares. O obxectivo será proporcionar coñecementos e ferramentas que permitan avanzar cara a unha xestión máis sostible destes servizos e mellorar a planificación da alimentación que se ofrece ao alumnado.
Entre os materiais que se elaborarán figura tamén unha guía para os centros educativos, pensada como recurso de apoio para a xestión sostible dos comedores. A proposta completarase coa elaboración e distribución dun libro infantil de 'Os Bolechas', ademais doutros materiais divulgativos e educativos relacionados coa alimentación.
O proxecto tamén contempla unha saída demostrativa a unha ou varias explotacións agrícolas do territorio. A actividade permitirá coñecer directamente o traballo das explotacións hortícolas e poñer en valor a produción local, prestando especial atención ás posibilidades de comercialización a través de circuítos curtos e ao carácter estacional das diferentes variedades de produtos.
A iniciativa parte da consideración de que o ámbito escolar ten un papel relevante na adquisición de hábitos alimentarios. O contacto diario coa alimentación e os coñecementos que se transmiten nos centros poden contribuír, segundo os promotores, a fomentar comportamentos máis saudables entre o alumnado e tamén a trasladar estas pautas ao conxunto das familias.
Neste sentido, o proxecto dos GDR vincula a alimentación nos centros educativos coa promoción da produción de proximidade, a sustentabilidade e o coñecemento dos alimentos de tempada, buscando que os comedores escolares se convertan nun espazo para educar en hábitos alimentarios e, ao mesmo tempo, para reforzar a relación entre os centros e o tecido produtivo do territorio.