Olimpia López presenta unha campaña para evitar comportamentos de risco nas estradas en obras

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Dirección Xeral de Tráfico desenvolve unha actividade de vixilancia e control do 22 ao 28 de xuño, con especial atención sobre obras nas vías interurbanas
campana-vixilancia-obras
24 Jun 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou, xunto ao xefe provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez, ao capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Samuel Lago, e ao enxeñeiro técnico da Unidade de Estradas do Estado, Iago Fonteboa, a campaña de Control e Vixilancia de Obras nas vías interurbanas de Circulación, que a Dirección Xeral de Tráfico ten en marcha ata o vindeiro domingo, 28 de xuño.

A campaña ten por obxecto a vixilancia das obras que afectan á calzada e modifican o trazado dos carrís en vías interurbanas de calquera titularidade, incluídos, no seu caso, tramos en túnel, así como do incumprimento da sinalización destas obras por parte dos condutores. En concreto, os axentes velarán polo cumprimento dos límites de velocidade nos devanditos tramos, o que pode supoñer un factor de vulnerabilidade dos traballadores das vías de circulación abertas ao tráfico.

A subdelegada lembrou que o 82% dos accidentes mortais por atropelo a traballadores na calzada son atribuíbles ao condutor como presunto causante. Por iso, “é importante obedecer aos límites de velocidade sinalizados e evitar distraccións e adiantamentos en zonas de obras”, incidiu López. De feito, segundo estudos da DXT, un aumento de velocidade de 10 km/h incrementa o risco de accidente mortal nun 220% e as distraccións co teléfono móbil multiplican por doce o risco de accidente de tráfico.

Nos tramos de estrada en obras, a DXT recomenda respectar escrupulosamente a sinalización extraordinaria, extremar a atención e a precaución durante os tramos en obras, reducir a velocidade por obriga e por prudencia e aumentar as distancias de seguridade.

Para rematar, Olimpia López recalcou que “as campañas de vixilancia e control cumpren unha función primordial para lembrar ás persoas usuarias das vías algúns aspectos básicos da condución durante todo o ano, como é o caso de respectar a sinalización en tramos de obra”.

0.11579489707947