O viveirense Cristóbal Rodríguez ascende na elite da xestión deportiva internacional

GaliciaXa | AMariñaXa
O exdeportista de Celeiro coordinou o Mundial FISU de Pentatlón Moderno en Madrid e xa se atopa en China para traballar nos Mundiais Élite e OCR
Viveiro-CRISTOBAL-RODRIGUEZ-NOMBRADO-ADJUNTO-A-PRESIDENCIA-DE-FISU
27 Aug 2026

O viveirense Cristóbal Rodríguez Fidalgo (Celeiro, 1991) dá un novo paso na súa carreira profesional tras ser nomeado xerente de Deportes de Obstáculos e Operacións da Unión Internacional de Pentatlón Moderno (UIPM). O ascenso chega despois de consolidar a súa traxectoria na xestión deportiva internacional unha vez finalizada a súa etapa como deportista de elite.

Rodríguez coñece o pentatlón moderno desde dentro tras unha destacada carreira na alta competición, na que chegou a proclamarse campión de Europa e do mundo, ademais de conquistar en doce ocasións o Campionato de España. A súa retirada da elite abriu unha nova etapa ligada á organización e xestión deste deporte a nivel internacional.

Unha das primeiras grandes citas que coordinou desde o seu novo cargo foi o Mundial FISU de Pentatlón Moderno, celebrado esta semana en Madrid baixo o paraugas da Federación Internacional de Deporte Universitario.

A súa axenda internacional continúa agora en China. O mariñano xa se atopa en Guiyang para coordinar o Mundial Élite de Pentatlón Moderno, unha competición que reúne a representantes de máis de 80 países.

Ao remate desta cita terá que trasladarse a Pequín, onde supervisará o Mundial OCR, vinculado ás carreiras de obstáculos. A competición desenvolverase nos Universal Studios Beijing Resort, un escenario que busca combinar a celebración dun gran evento internacional coa crecente proxección do turismo deportivo.

Los Ángeles 2028, no horizonte

O novo posto sitúa a Rodríguez ante un dos maiores desafíos da súa carreira fóra da competición. Entre as súas responsabilidades atópase o desenvolvemento e implementación da disciplina de obstáculos dentro da UIPM, unha modalidade que xa está plenamente incorporada á estrutura competitiva.

O horizonte está posto nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028, onde o novo formato do pentatlón moderno incorporará a carreira de obstáculos. Rodríguez participará desde o seu posto na preparación e desenvolvemento desta disciplina de cara á cita olímpica.

Deste xeito, o que foi deportista internacional inicia unha nova etapa de maior responsabilidade dentro da UIPM, agora desde os despachos e a organización das grandes competicións. Un percorrido que leva ao viveirense de Celeiro desde a elite deportiva ata a xestión internacional, con Los Ángeles 2028 como unha das grandes citas do seu novo cometido.

0.15280199050903