O Vicedo volve apostar polas rutas guiadas gratuítas para descubrir o seu patrimonio natural

AMariñaXa
O programa ofrecerá percorridos por tres enclaves emblemáticos do municipio con grupos reducidos e inscrición previa
rutas-turismo-vicedo-2026
29 Jun 2026

O Concello do Vicedo presentou unha nova edición do seu programa de rutas guiadas gratuítas, unha iniciativa que permitirá achegar aos participantes algúns dos espazos naturais, históricos e paisaxísticos máis destacados do municipio a través de percorridos organizados durante os próximos meses.

No acto de presentación participaron o alcalde, Jesús Novo Martínez, e Boris Vilar, representante da empresa Rutas Galicia Norte, encargada de desenvolver esta proposta turística e divulgativa.

O programa busca ofrecer unha experiencia tranquila e próxima, baseada en grupos reducidos e visitas guiadas que permitan coñecer con detalle a riqueza ambiental, xeolóxica e patrimonial do territorio. O obxectivo é promover un turismo sostible e de calidade, dando a coñecer lugares singulares do concello desde unha perspectiva interpretativa.

Entre os itinerarios previstos figura a ruta do Río Sor, un percorrido homologado pola Federación Galega de Montañismo que discorre pola contorna deste espazo natural e que, cos seus nove quilómetros de lonxitude, é a proposta de maior dificultade do programa. Por este motivo, a organización recomenda acudir con roupa e calzado adecuados, ademais de levar auga e algún alimento.

As persoas participantes tamén poderán descubrir a contorna da praia de San Román e Moutillós, un enclave de especial interese paisaxístico e xeolóxico onde cada ano se celebra a Romaxe Viquinga. A programación complétase coa ruta das Laxes e Xilloi, un percorrido que ofrece unha ampla panorámica da Illa Coelleira desde a costa.

Cada mes organizaranse tres rutas, unha por cada un dos itinerarios deseñados, co propósito de facilitar que tanto veciñanza como visitantes poidan coñecer diferentes recunchos do municipio.

A participación é gratuíta, aínda que será imprescindible realizar a inscrición previamente a través do correo electrónico rutasgalicianorte@gmail.com.

0.11956787109375