O Vicedo ultima os preparativos para a VI Carreira de Monte

O Concello do Vicedo encárase xa á recta final para a celebración da VI Carreira de Monte, unha cita deportiva que terá lugar este domingo 17 de maio e que volverá situar o municipio como referente do deporte na natureza. A poucos días do evento, todo está preparado para recibir aos participantes que esgotaron as prazas dispoñibles nas distintas modalidades.
O escenario escollido será, un ano máis, a contorna do Fuciño do Porco e Caolín, un espazo natural de grande atractivo que servirá de marco para unha xornada que combinará esforzo físico e contacto coa paisaxe. A organización destaca o bo ritmo de inscricións rexistrado nas últimas semanas, que permitiu completar a cota establecido, reflectindo o interese crecente por esta proba.
A carreira contará con tres opcións adaptadas a diferentes niveis: unha andaina de 15 quilómetros, un trail curto tamén de 15 quilómetros e un trail longo de 21 quilómetros. Esta variedade permitirá a participación tanto de persoas afeccionadas ao sendeirismo como de corredores con maior experiencia, garantindo unha xornada diversa e aberta a distintos perfís deportivos.
No plano competitivo, estableceranse varias categorías por idades, desde sénior ata diferentes tramos máster, e entregaranse trofeos ás persoas mellor clasificadas en cada unha delas. Ademais, haberá un recoñecemento específico para os primeiros corredores locais, tanto en categoría masculina como feminina.
Desde a organización subliñan que a proba vai máis alá da competición, xa que tamén pretende promover hábitos de vida saudables e poñer en valor o entorno natural do municipio. Así, agárdase que a carreira volva atraer non só aos participantes, senón tamén a acompañantes e visitantes que se achegarán ao Vicedo para desfrutar dun evento que combina deporte, natureza e ambiente festivo nun enclave único da Mariña lucense.