O Vicedo reforza a produción de semente de bivalvos para garantir o subministro ao sector marisqueiro

AMariñaXa
O criadoiro busca asegurar un abastecemento continuado de cría para favorecer a rexeneración dos bancos marisqueiros e recuperar a súa produtividade tras os episodios climáticos adversos
O-Vicedo-criadeiro-moluscos
18 Aug 2026

O criadoiro de moluscos bivalvos do Vicedo avanza como unha das ferramentas para garantir un subministro estable de semente ao sector marisqueiro galego. O obxectivo é dispoñer de cría suficiente para contribuír á rexeneración dos bancos naturais e favorecer a recuperación da súa produtividade, especialmente despois das consecuencias provocadas nos últimos anos por diferentes episodios climáticos.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou as instalacións para coñecer a evolución dos traballos. Durante o percorrido destacou a importancia de asegurar un abastecemento continuado que permita responder ás necesidades das persoas profesionais do mar e reforzar os recursos dispoñibles para as tarefas de recuperación das zonas de produción.

O centro do Vicedo conta coa dirección e o apoio científico do equipo profesional do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo. A súa actividade permite incrementar a capacidade técnica e produtiva de Galicia na obtención de semente de bivalvos e achegar ao sector novas ferramentas para afrontar os problemas que afectan aos bancos marisqueiros.

O traballo desenvolvido nestas instalacións forma parte do proxecto Partbiv, integrado na rede Redemar e concibido para estreitar a cooperación entre a Administración, a comunidade científica e o propio sector produtivo. A iniciativa está liderada polo CIMA e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) e conta tamén coa colaboración da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo.

O programa dispón dun investimento superior aos 700.000 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e abrangue as diferentes etapas necesarias para conseguir que a semente producida chegue finalmente aos bancos naturais.

Un dos aspectos fundamentais do proxecto é precisamente a participación directa das persoas mariscadoras. Os profesionais intégranse no ciclo produtivo, desde o acondicionamento dos reprodutores e o cultivo das larvas ata a posterior sementeira nos bancos. Esta colaboración permite adaptar os procesos ás necesidades reais do sector e avanzar na selección de exemplares que presenten mellores índices de supervivencia e crecemento.

A produción do Vicedo complementa así a experiencia acumulada por instalacións especializadas como o CIMA e o IGAFA. Ambos centros entregaron durante 2025 máis de 2,1 millóns de unidades de semente ás confrarías galegas.

Con esta liña de traballo búscase consolidar unha capacidade propia de produción que permita manter o abastecemento de cría e responder con maior rapidez ás necesidades dos bancos marisqueiros. A dispoñibilidade continuada de semente convértese así nun elemento clave para impulsar a súa rexeneración e contribuír á recuperación da actividade marisqueira.

0.11703991889954