O Vicedo prepara unha nova edición da andaina solidaria contra o cancro

O Vicedo volverá mostrar o seu compromiso coa solidariedade o próximo 19 de xullo coa celebración da II edición de "O Vicedo en Marcha Contra o Cancro", unha andaina promovida pola Asociación Española Contra o Cancro que busca implicar á cidadanía na loita fronte á enfermidade a través dunha actividade saudable e participativa.
A convocatoria está aberta a persoas de todas as idades e arrancará ás 11.00 horas cun percorrido que partirá desde a Ponte Vella sobre o río Sor e finalizará no parque do Vicedo. A organización pretende que a cita se converta nun punto de encontro no que deporte, convivencia e solidariedade vaian da man.
As inscricións xa están dispoñibles a través da plataforma habilitada pola Asociación Española Contra o Cancro. Ademais, quen o prefira poderá anotarse de forma presencial na Casa da Cultura do Vicedo entre os días 13 e 17 de xullo, en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Con esta segunda edición, a organización anima á veciñanza e aos visitantes a sumarse á iniciativa e colaborar cunha causa solidaria, reforzando o apoio á investigación e aos servizos que presta a asociación ás persoas afectadas polo cancro e ás súas familias.