O Valadouro reunirá as novas promesas do fútbol no seu III Torneo de Fútbol Base

O fútbol base será protagonista no Valadouro durante a fin de semana do 19 e 20 de setembro coa celebración da terceira edición do Torneo de Fútbol Base, unha cita que reunirá no municipio a xogadores de diferentes categorías inferiores.
A competición desenvolverase no Campo do Árbol, en Ferreira do Valadouro, e distribuirase en dúas xornadas en función das idades dos participantes.
O sábado 19 de setembro será a quenda das categorías prebenxamín e benxamín, que disputarán os seus respectivos encontros ao longo da xornada. O torneo continuará o domingo 20 coa competición correspondente á categoría alevín.
Esta terceira edición busca fomentar a práctica deportiva entre os máis pequenos e ofrecer unha fin de semana de convivencia arredor do fútbol, reunindo xogadores, familias e afeccionados nas instalacións deportivas de Ferreira.
O III Torneo de Fútbol Base está organizado polo Concello do Valadouro e conta coa colaboración da AD Río Ouro e da Administración autonómica.