O Torneo Vila de Ribadeo pecha a súa XX edición cun novo éxito deportivo e solidario

AMariñaXa
Mijas e Bar Final proclámanse campións nunha cita internacional con 88 equipos e máis de 6.800 euros recadados para fins benéficos
XX-Torneo-Vila-de-Ribadeo-2026
25 May 2026

Ribadeo volveu converterse esta fin de semana nun punto de encontro do fútbol veterano internacional coa celebración do XX Torneo Vila de Ribadeo, unha edición marcada tanto polo nivel deportivo como polo seu carácter solidario. A competición pechouse coa entrega de trofeos tras dúas finais decididas desde o punto de penalti e cun notable ambiente nas instalacións deportivas.

Na categoría +35, o Mijas proclamouse campión tras impoñerse nunha final moi igualada ao Veteranos Velarde, mentres que na categoría +45 o título foi para o Centro Asturiano de Oviedo, que superou ao  Bar Final de Cáceres nun encontro igualmente moi disputado. Ambas finais resolveron desde a quenda de penaltis, reflectindo a igualdade entre os equipos participantes.

O torneo reuniu unha participación destacada, con 88 equipos procedentes de 8 países e de 21 provincias españolas, consolidándose como unha das citas de referencia do fútbol veterano a nivel internacional. Durante toda a fin de semana, Ribadeo acolleu numerosos encontros nos que conviviron a competición, a amizade e o espírito deportivo.

O acto de entrega de trofeos contou coa presenza do concelleiro de Deportes de Ribadeo, Francisco José Silvent, da presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e do presidente da Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, Juan Rodríguez Peceux, que foron os encargados de recoñecer aos equipos gañadores e participantes.

Máis alá do aspecto deportivo, o torneo volveu destacar polo seu compromiso solidario. Nesta edición recadáronse 6.850 euros, que foron entregados á Fundación Ramón Grosso nun acto no que participaron o exfutbolista Amavisca e Ramón Grosso Mateo, encargados de recoller a achega benéfica.

Con esta nova edición, o Torneo Vila de Ribadeo reafirma o seu prestixio como evento deportivo e social de referencia, combinando fútbol, convivencia e solidariedade nunha cita xa consolidada no calendario estival da Mariña.

0.11526298522949