O Torneo de Tenis Memorial José Luis Yebra regresa a Burela para celebrar a súa duodécima edición

AMariñaXa
A competición disputarase do 18 de xullo ao 2 de agosto nas pistas da Marosa e contará con probas individuais, dobres e para Xóvenes Promesas
torneo-de-tenis-jose-luis-yebra
13 Jul 2026

O Concello de Burela presentou unha nova edición do Torneo de Tenis Memorial José Luis Yebra, que este ano alcanza a súa duodécima convocatoria e que reunirá ás persoas participantes nas pistas da Marosa entre o 18 de xullo e o 2 de agosto.

A competición incluirá distintas modalidades: individual absoluto, con cadro de consolación para aquelas persoas eliminadas no primeiro encontro; dobres absoluto; e individual Xóvenes Promesas, que contará como mínimo con dúas categorías.

As probas individuais premiarán ás primeiras e segundas clasificadas de cada categoría con trofeos e vales de compra, mentres que nas competicións de dobres se entregarán trofeos ás parellas campioas e subcampioas. A final do torneo e o acto de clausura están programados para o 2 de agosto.

Durante esta edición tamén está prevista a entrega dun recordo conmemorativo polo XII aniversario do Memorial José Luis Yebra á familia de José Luis.

O concelleiro de Deportes de Burela, Carlos Méndez Pena, destacou a importancia desta cita deportiva e afirmou que “este torneo volve converterse nunha cita importante para o tenis no noso concello e mantén vivo o recordo de José Luis Yebra a través do deporte”.

O edil sinalou ademais que o obxectivo da competición é “ofrecer unha competición aberta a diferentes perfís de xogadores e xogadoras, fomentando tanto a participación como o ambiente deportivo ao longo de dúas semanas de competición”.

Méndez Pena animou á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao tenis a achegarse ás pistas da Marosa para seguir o desenvolvemento do torneo e apoiar ás persoas participantes.

As inscricións para persoas non socias terán un custo de 10 euros na categoría individual absoluto, 5 euros por xogador ou xogadora na modalidade de dobres e outros 5 euros por participante na categoría de Xóvenes Promesas. No caso das persoas socias, a inscrición será gratuíta.

0.11836910247803