O tenis de mesa de San Cibrao alcanza un ascenso histórico á Segunda Nacional

AMariñaXa
O Concello de Cervo rende homenaxe ao equipo tras proclamarse campión do Grupo Norte de Terceira Nacional e culminar unha tempada brillante
san-Ciprian-ascenso-tenis-de-mesa
17 Jun 2026

A Casa do Concello de Cervo foi escenario dunha recepción institucional ao equipo e ao corpo técnico da sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián, que vén de escribir unha das páxinas máis destacadas da súa historia deportiva ao conseguir o ascenso á Segunda Nacional.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, quixo trasladar persoalmente os parabéns aos integrantes do conxunto sancibrense despois dunha campaña que rematou co liderado do Grupo Norte de Terceira Nacional e coa conseguinte promoción de categoría.

O equipo completou unha tempada de gran nivel, na que logrou impoñerse aos seus rivais e asegurar o primeiro posto da clasificación. Este éxito chega despois de catro anos consecutivos competindo en Terceira Nacional, unha etapa na que o club foi consolidando o seu proxecto deportivo ata alcanzar agora un novo fito.

Durante o encontro, a rexedora destacou o esforzo colectivo realizado polos xogadores e polo equipo técnico ao longo de toda a competición. García Caramés subliñou que os deportistas levaron o nome de Cervo por distintos puntos do norte peninsular e convertéronse nun exemplo de dedicación, perseveranza e compromiso.

A alcaldesa tamén puxo o foco no traballo formativo que desenvolve a entidade deportiva, especialmente entre a canteira. Neste sentido, salientou a importancia de fomentar a práctica do deporte desde idades temperás e de crear unha base sólida para garantir o relevo xeracional dentro da disciplina.

Como mostra de recoñecemento polo logro acadado, o Concello fixo entrega ao club dun prato institucional elaborado en cerámica de Sargadelos e personalizado para a ocasión, un detalle co que quixo destacar a relevancia deste ascenso para o deporte local.

A sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián iniciou a súa participación en competicións no ano 1993. Tras varios anos de inactividade, recuperou a actividade competitiva en 2018 e desde entón experimentou unha evolución constante. Primeiro chegou o ascenso a Terceira Nacional e agora, tras proclamarse campión do Grupo Norte, o club consegue dar un novo salto e prepararase para afrontar o reto da Segunda Nacional.

0.13192701339722