O Taekwondo Jansu-Ujeong de Viveiro pecha a tempada con sete medallas no Open Internacional da Alcarria

O Club Taekwondo Jansu-Ujeong de Viveiro puxo o broche á tempada cunha destacada participación no V Open Internacional da Alcarria, unha competición que reuniu a deportistas procedentes de países como Costa Rica, Portugal, México e Francia, ademais de representantes de numerosos clubs de referencia do ámbito español.
A expedición viveirense regresou cun balance moi positivo tras unha intensa xornada marcada polas altas temperaturas e por un elevado nivel competitivo. Na modalidade de combate, o club conseguiu dúas medallas de ouro grazas ás actuacións de Valeria Fernández Vilar, que se impuxo na categoría júnior de menos de 55 quilos, e de Uxía Veiga Hernández, vencedora na categoría benxamín de máis de 40 quilos.
A estes éxitos sumouse a medalla de prata obtida por Eva Andrés Gomariz na categoría sénior de máis de 67 quilos, mentres que Tania Seoane Bermúdez, Lucía García Pérez e Sofía Javiera López Molina lograron subir ao terceiro chanzo do podio nas súas respectivas categorías, contribuíndo a completar unha destacada colleita de metais para o club viveirense. Pola súa parte, Marius Adrián Chitu finalizou na novena posición da súa competición.
Xa na sesión da tarde, dedicada á modalidade técnica, o Jansu-Ujeong volveu demostrar o seu potencial. Tania Seoane Bermúdez e Marius Adrián Chitu proclamáronse campións na categoría infantil de promoción amateur, conseguindo sendas medallas de ouro.
Outro dos resultados destacados chegou da man de Valeria Fernández Vilar na categoría oficial competitiva de adultos. A deportista quedou ás portas do podio tras compartir a quinta posición e finalizar a escasas tres décimas das medallas nunha especialidade especialmente esixente e afastada do seu ámbito habitual de preparación. A viveirense competiu fronte a rivais con experiencia en campionatos nacionais, europeos e mesmo mundiais.
Desde o club valoran moi positivamente os resultados acadados nesta cita internacional, que serve para poñer fin á campaña deportiva cun balance esperanzador. A entidade afronta agora un período de descanso antes de iniciar a preparación do curso 2026-2027, no que espera seguir medrando e consolidando o traballo realizado nos últimos anos.