O Taekwondo Jansu-Ujeong de Viveiro logra bos resultados no Open Internacional Cidade do Lérez

O club Taekwondo Jansu-Ujeong de Viveiro participou no Open Internacional Cidade do Lérez, unha das probas de referencia do calendario autonómico e estatal, cunha representación reducida pero moi competitiva.
A expedición viveirense, formada por dous deportistas da ACD Ujeong de Viveiro que compiten baixo as cores do Jansu-Ujeong, afrontou unha xornada de gran intensidade, repartida entre as sesións de mañá e tarde, nun torneo caracterizado pola elevada esixencia técnica dos participantes.
No plano deportivo, Valeria F. Vilar asinou unha actuación destacada ao rematar no quinto posto da Liga A na categoría Júnior P6, tras superar varios combates de gran dificultade, entre eles un intenso enfrontamento fronte á primeira cabeza de serie do campionato. Posteriormente, logrou reponerse e subiu ao podio cunha medalla de bronce na Liga B, alcanzando o terceiro posto, aínda que caeu no pase á final ante unha rival portuguesa con experiencia no ranking nacional do seu país.
Pola súa parte, Marius Adrian Chitu completou tamén unha participación sólida, acadando o sétimo posto na Liga A tras un combate esixente e finalizando en quinta posición na Liga B, nunha categoría na que competiu malia unha indisposición médica que non lle impediu rematar a súa actuación.
Ambos deportistas continúan o seu proceso de adaptación ás súas novas categorías, cadete e júnior respectivamente, nunha evolución que o club valora de forma positiva polo seu progreso e experiencia competitiva.
Desde a entidade quixeron tamén agradecer o apoio recibido por parte do Concello de Viveiro, destacando a importancia do respaldo institucional ao deporte base e, especialmente, a disciplinas minoritarias como o taekwondo.
O Open Cidade do Lérez consolídase así como unha das citas máis relevantes do taekwondo en Galicia e no norte de España, reunindo cada ano a competidores de alto nivel.
O próximo reto para o club será o V Open Internacional da Alcarria, no que volverán medir o seu nivel competitivo.