O Taekwondo Jansu-Ujeong de Viveiro logra 11 títulos provinciais no Campionato Escolar de Lugo

O Club Taekwondo Jansu-Ujeong de Viveiro, integrado na Asociación Cultural Deportiva Ujeong e federado na Federación Galega de Taekwondo, tivo unha destacada participación no Campionato Escolar Provincial da Xunta de Galicia de combate, celebrado este domingo na cidade de Lugo.
A competición, dirixida a deportistas de entre 8 e 14 anos nas categorías infantil, precadete e cadete, reuniu a numerosos clubs de toda a provincia e serviu como proba clasificatoria para o autonómico.
O equipo viveirense presentou un total de 16 competidores e competidoras que, seguindo a estela da súa compañeira Valeria Fernández Vilar —campeoa provincial nos dous últimos anos e actualmente centrada en categorías superiores— acadaron uns resultados sobresalientes: 11 títulos de campións provinciais, tres subcampionatos e tres terceiros postos.
Todos os integrantes do equipo conseguiron así a clasificación para o Campionato Escolar Autonómico, que se celebrará o vindeiro día 31 na localidade coruñesa de Boiro.
Na categoría infantil, lograron o título provincial Martín Lozano (P0), Roi Periscal (P1), Martín Losada (P3) e Uxía Veiga (P7).
Na categoría precadete proclamáronse campións Keltia Gómez (P2), Leo López (P5), Marius Adrian Chitu (P6) e Felicita Gutiérrez (P8), mentres que nesta mesma categoría obtiveron o subcampionato Xenxo Romero (P3), Sofía López (P5) e Nicolás López (P6). Ademais, nesta división tamén lograron o bronce Javier Pena (P4) e Nicolás Gómez (P4).
Na categoría cadete, os títulos provinciais foron para Dana Paz (P6), Tania Seoane (P7) e Marcos Moreira (P10).
Desde a entidade destacaron o esforzo, a disciplina e a evolución constante dun grupo de deportistas moi novos que están a consolidarse nun deporte minoritario pero en crecemento na comarca.
O club tamén quixo agradecer o apoio dos concellos de Viveiro, Burela e Vilalba pola cesión de instalacións para os adestramentos, un respaldo que consideran fundamental para o desenvolvemento do deporte base.