O Ribadeo FC realiza o seu I Campus de Nadal

AMariñaXa
Destinado a nenas e nenos de 6 a 16 anos, os días 23, 26, 27, 28 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro
281124-Foto-presentación-Campus-Nadal-Ribadeo-FC
28 Nov 2024

Do 23 de decembro ao 4 de xaneiro terá lugar o I Campus de Nadal do Ribadeo FC. Está destinado a nenas e nenos de 6 a 16 anos. O campus será impartido por adestradores e xogadores do Ribadeo FC e da SD Ribadeo no campo de fútbol O Outeiro, na Devesa, en horario de 10.00 a 14.00 horas os días 23, 26, 27, 28 e 30 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro. Para máis información e inscricións as persoas interesadas poden dirixirse ao seguinte número de teléfono: 637 870 316 ou ao correo electrónico.

Na presentación Dani Moirón, coordinador deportivo do Ribadeo FC explicou que “o Ribadeo FC celebra o seu primeiro campus de Nadal coa idea de promover valores deportivos e humanos, hábitos saudables e positivos, axudar á conciliación familiar e expandir o sentimento ribadense”. E subliñou que “nenos e nenas poderán gozar durante oito días da mellor formación a nivel futbolístico. O horario será de 10 a 14 horas no campo de O Outeiro, na Devesa. Está limitado a 80 prazas e será impartido por adestradores e xogadores do Ribadeo FC e da SD Ribadeo. Ademais dos adestramentos haberá actividades complementarias que enriquecerán notablemente este campus. Esperamos a todos os nenos e nenas aos que lles guste este deporte para pasar un Nadal futbolístico”.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, manifestou: “Queremos felicitar ao Ribadeo FC por esta iniciativa pensada para os amantes do fútbol, que terán a posibilidade de aprender e de pasar un Nadal diferente practicando un deporte que lles gusta. Desde o Concello estamos encantados de poder colaborar con iniciativas como esta”.

Colaboran no I Campus de Nadal do Ribadeo FC a Xunta de Galicia, a Área de Deportes da Deputación, o Concello de Ribaeo, Deporte Galego, Real Federación Galega de Fútbol, Feiraco e BeOne.

Ao acto de presentación asistiron, entre outros, o presidente do Ribadeo FC, Valentín Coto, o alcalde ribadense, Dani Vega, o director territorial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, e o coordinador deportivo do Ribadeo FC, Dani Moirón.

 

 

0.16368818283081