O Reyco Burela FS confirma a preinscrición dos seus equipos sénior en Segunda División para a tempada 2026-27

AMariñaXa
A asemblea extraordinaria da entidade tamén aprobou manter as cotas, analizou a situación económica do club e destacou o impacto de 1,1 millóns de euros que xera na comarca
Supercopa-Espana-2023-Semifinal_PRBurelaFS-Futsi_2ªparte_9
9 Jul 2026

O Reyco Burela FS celebrou este martes unha Asemblea Xeral Extraordinaria na que a directiva informou aos socios e socias sobre a situación actual da entidade, as xestións realizadas para garantir a continuidade do proxecto deportivo e os principais obxectivos de cara á tempada 2026-27.

Durante a reunión, o presidente do club, José Luis Sáez, confirmou que a entidade xa formalizou a preinscrición dos seus dous equipos sénior en Segunda División, un trámite necesario para asegurar a súa participación nas competicións nacionais, á espera de completar o resto dos procedementos administrativos dentro dos prazos establecidos.

A asemblea tamén deu o visto e prace ao mantemento das cotas da Escola Deportiva Burela FS e ratificou as cotas de socios e socias para a nova campaña, conservando os mesmos importes da tempada anterior. Ademais, informouse da incorporación de novidades vinculadas a un convenio no que o club está a traballar co obxectivo de facilitar o acceso da mocidade aos encontros da entidade.

Outro dos puntos tratados foi o informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, asinado polos integrantes do Grupo de Análisis y Modelización Económica (GAME) Roberto Bande, Diana Fernández e Pablo Rivera. O estudo estima en 1,1 millóns de euros o impacto económico que xeran na comarca a actividade do CD Burela FS e o Memorial Heroes do Orzán, evento no que colabora a entidade. Segundo este informe, a actividade do club supón un importante factor de dinamización deportiva, social e económica para o territorio.

No apartado económico, José Luis Sáez lembrou que o club continúa traballando para reducir a débeda histórica. Neste contexto, reiterou que calquera axuda extraordinaria que poida recibir das administracións destinarase ao pagamento de salarios atrasados e débedas con acredores da vila. O presidente tamén lembrou que o pasado mes de abril se presentou unha solicitude que considera clave para reforzar a viabilidade do proxecto e garantir a estabilidade da entidade.

Pola súa banda, o adestrador do primeiro equipo masculino, Juanma Marrube, dirixiuse aos asistentes para facer un chamamento á unidade, apelando á implicación conxunta do equipo, do club, da afección e dos representantes políticos para afrontar os retos da próxima tempada.

A sesión rematou cun recoñecemento ao Memorial Heroes do Orzán. Como entidade colaboradora deste evento, o presidente agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello de Burela, destacando que a colaboración entre institucións e sociedade contribúe a impulsar iniciativas de beneficio para toda a comunidade.

0.13994002342224