O Rally da Mariña Lucense bate récord de participación na súa oitava edición

A comarca da Mariña converterase esta fin de semana nun dos grandes focos do automobilismo galego coa celebración da oitava edición do Rally da Mariña Lucense, unha cita que continúa medrando ano tras ano tanto en participación como en seguimento por parte da afección. A competición, que se disputará entre os días 8 e 9 de maio, contará nesta ocasión cun récord histórico de inscritos, alcanzando os 128 pilotos.
A presentación oficial do evento tivo lugar en Viveiro nun acto no que participaron representantes institucionais, membros da organización e pilotos da comarca. Durante o encontro púxose en valor a consolidación dunha proba que, desde o seu nacemento en 2019, logrou facerse un oco destacado dentro do calendario galego de rallyes de asfalto.
As estradas dos concellos do Vicedo, Xove e Cervo serán o escenario dos tres treitos cronometrados que compoñen a competición. Cada un deles disputarase en tres ocasións ao longo da xornada do sábado, ofrecendo un intenso programa deportivo para participantes e afeccionados.
O deputado Daniel García destacou especialmente a implicación da comarca na evolución da proba e lembrou que o Rally da Mariña naceu grazas á aposta da Vicepresidencia da Deputación de Lugo por impulsar o automobilismo na zona. Segundo explicou, o obxectivo deste apoio institucional pasa por facilitar a práctica deportiva e achegar competicións de primeiro nivel a distintos puntos da provincia.
A actividade arrancará oficialmente este venres coa cerimonia de saída prevista para as 20:00 horas na Avenida da Mariña, en Viveiro. A cidade acollerá ademais o parque pechado e o parque de asistencia dos equipos, mentres que Burela será o punto de reagrupamento dos vehículos participantes.
O respaldo económico da Vicepresidencia da Deputación, cunha achega de 23.000 euros, forma parte dunha liña de colaboración máis ampla co tecido automobilístico lucense. Ademais deste rally, a institución provincial participa no patrocinio doutras citas destacadas como o Rally San Froilán, a Subida Ribeira Sacra-Chantada, a Subida á Pontenova ou a Subida a Taboada, así como no programa Volante Deputación destinado a novos pilotos e na convocatoria anual de axudas para deportistas do motor.