O Rally da Mariña chega á cuarta edición cunha participación récord

TerraChaXa | AMariñaXa
A proba conta con cinco treitos cronometrados en Muras, Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo, que se disputarán o sábado
presentacion rally a marina en muras
10 May 2022

A proba conta con cinco treitos cronometrados en Muras, Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo, que se disputarán o sábado.

Esta tarde presentouse en Muras a cuarta edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputará o vindeiro sábado nos concellos de Muras, Ourol, Cervo, Xove, O Vicedo e Viveiro,onde se situarán o parque de reagrupamento (na zona do Grallal, Covas) e o parque de asistencias (Lavandeiras, Celeiro).

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 24.000 euros para a organización da proba, a terceira no calendario do Campionato Galego de Rally de Asfalto, que conta con 88 equipos inscritos, a mellor cifra de participación das edicións celebradas, incrementando notablemente a da pasada edición -na que se anotaran 67 equipos-.

Entre os participantes figuran 14 equipos da Mariña e Ortegal, tres deles debutantes nunha proba desta categoría. Ademais da representación local, destacan nomes como o de Víctor Senra, Alberto Meira ou Alberto Nimo, os tres primeiros clasificados do Campionato Galego despois de disputárense dúas probas.

Na presentación, o deputado de Deportes, Efrén Castro, saudou o crecemento “do Rally da Mariña polo que apostamos desde o inicio da lexislatura desde a Vicepresidencia da Deputación pensando en cubrir un oco que ata daquela estaba baleiro, dando a oportunidade de competir na casa aos equipos da comarca”.

Nesa liña, Efrén Castro destacou “que “o feito de que a proba forme parte do calendario galego é un aliciente para que se acheguen ata a comarca afeccionados e afeccionadas ao rally de toda Galiza, para desfrutar do espectáculo deportivo e tamén dos recursos patrimoniais e naturais de todos os concellos implicados neste evento”.

O responsable provincial enmarcou o apoio ao Rally da Mariña nas iniciativas que se desenvolven desde a Vicepresidencia para a promoción do automobilismo, con achegas económicas as principais probas, bolsas para pilotos e o Volante Deputación, dirixido á formación.

No acto de presentación, que se celebrou na área recreativa da Veiga, en Muras, participaron tamèn o presidente da escudería organizadora da proba MixRallySports, Ignacio Dávila, a directora técnica da carreira, Maite Vilanova, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, o concelleiro de Deportes de Muras, Mario Rouco, e o tenente alcalde de Viveiro, Suso Fernández, así como algúns dos pilotos que competirán na proba.

O Rally da Mariña Lucense decidirase nun total de 106,80 quilómetros cronometrados, en cinco treitos por estradas asfaltadas pechadas ao tráfico, que se disputarán o sábado, cos seguintes percorridos:

Ourol

A diferenza do ano pasado, este treito trascorre integramente por Ourol. Sae de Xerdíz, á altura da Igrexa de Santa María de Xerdíz, e conclúe en Ucheiras, tras pasar por Souto Chao, Os Currás, A Revolta, Vilachá, A Carballeira, As Rabiñas, O Cochón e As Fragas.

Muras

Arranca desde o centro mesmo de Muras, e fai un percorrido moi similar ao do ano pasado, pasando por A Picheira,O Coto, Rego da Parede e A Abidueira, para rematar en A Armada

O Vicedo

É un dos dous treitos históricos do rallye, mantendo o mesmo trazado desde a primeira edición. Comeza na Avenida Deputación e pasa por A Poceira, Crecide, A Pena e A Palloza, rematando no Folgueiro.

Cervo

O punto de saída do treito estará diante da fábrica de Sargadelos. Os coches pasarán por As Fábricas, A Igrexa e Gondrás, par acabar no Castelo.

Xove

Arranca en Camiño Real, diante do Concello, e pasa por Os Cainzos, O Rego, Os Carballás, Laguela, Aceveda, Camba, Fontaelo,Toimil e Xuances, para acabar no Monte do Golán, baixando cara Area.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17680811882019