O PXOM de Viveiro dá un novo paso coa publicación da documentación técnica na web municipal

O Concello de Viveiro incorporou á súa páxina web o documento técnico correspondente á aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha medida coa que continúa avanzando na tramitación dun dos proxectos máis relevantes para a planificación urbanística do municipio.
A publicación desta documentación permitirá que a veciñanza, profesionais e persoas interesadas poidan consultar con maior facilidade o contido do futuro planeamento, reforzando o acceso á información durante o proceso administrativo que culminará coa súa aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia.
O novo PXOM está chamado a converterse na principal ferramenta para organizar o crecemento de Viveiro nas próximas décadas, establecendo os criterios de desenvolvemento urbanístico do municipio e ofrecendo un marco estable tanto para a cidadanía como para empresas e futuros investimentos. Ao mesmo tempo, o documento pretende compatibilizar ese desenvolvemento coa conservación da paisaxe, do patrimonio e dos valores propios do territorio.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que a difusión da documentación responde á vontade do Goberno local de garantir un proceso transparente e accesible. Segundo indicou, facilitar a consulta do documento técnico a través da web municipal permite achegar á cidadanía toda a información relacionada cun instrumento clave para o futuro de Viveiro.
Desde o Concello animan á poboación a acceder ao apartado específico do PXOM na páxina web municipal para coñecer o contido do documento e seguir a evolución dun proceso que definirá o modelo urbanístico do municipio nos vindeiros anos.