O PSOE de Viveiro reclama solucións para mellorar a seguridade, a accesibilidade e a atención ás demandas veciñais

AMariñaXa
Os socialistas presentan varios rogos ao goberno local sobre urbanismo, praias, infraestruturas portuarias e os accesos afectados polas obras da Xunqueira
PSOE-viveiro-mocions-e-rogos-pleno-xuño-2026
1 Jun 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro trasladou ao goberno local unha serie de peticións centradas en cuestións de seguridade, accesibilidade e resposta ás preocupacións da veciñanza en distintos puntos do municipio.

Entre os asuntos expostos figura a situación denunciada por residentes da zona de Manuel Gómez Blanco, na subida cara a Pénxamo, relacionada cun cobertizo destinado ao almacenamento de leña situado nun patio particular. Os socialistas solicitan información sobre o estado da reclamación presentada e sobre as actuacións realizadas polo Concello para esclarecer o caso.

Outra das demandas refírese á praia de Celeiro, onde unha canalización de recollida de augas pluviais quedou parcialmente ao descuberto tras os últimos temporais. O PSOE considera necesario actuar antes do inicio da tempada de baño e pide que se realicen as xestións oportunas ante Portos de Galicia para acondicionar a zona e garantir a seguridade das persoas usuarias.

O grupo tamén valorou positivamente a creación dun novo acceso entre o porto deportivo e a avenida Ramón Cañosa, unha reivindicación histórica da vila. Non obstante, advirte de que o proxecto contempla unicamente escaleiras e reclama a incorporación dunha rampa que permita o uso por parte de persoas con mobilidade reducida, maiores ou familias con carriños infantís.

Por último, os socialistas trasladaron as queixas de veciños afectados polas obras de prevención de inundacións na Xunqueira. A formación propón habilitar de forma provisional un camiño municipal alternativo para peóns, co fin de mellorar a accesibilidade e reducir as molestias mentres duren os traballos.

0.12865710258484