O PSOE de Viveiro reclama actuacións urxentes para mellorar o estado de instalacións e espazos públicos do municipio


O Grupo Municipal Socialista de Viveiro presentará no vindeiro pleno unha batería de rogos para reclamar ao Goberno local actuacións de mellora en diferentes instalacións municipais e espazos públicos. A formación asegura que as peticións responden ás demandas trasladadas pola veciñanza e denuncia deficiencias relacionadas coa conservación, a limpeza e o mantemento en distintos puntos do municipio.
Un dos asuntos céntrase na parroquia de Vieiro, onde os socialistas alertan do deterioro das instalacións do Campo das Douradas. Segundo indican, os vestiarios presentan portas e paneis danados, mentres que o parque infantil do Souto da Feira e o seu contorno amosan zonas sen acondicionar, céspede deteriorado e abundante vexetación.
Tamén sinalan a presenza de maleza nos noiros próximos ao campo deportivo e de materiais almacenados no recinto, unha situación que, ao seu xuízo, prexudica a imaxe do espazo. Entre as súas peticións figura a retirada das tubaxes de gran diámetro que ocupan parte do aparcadoiro do Campo das Douradas e sobre as que solicitan explicacións ao Goberno municipal respecto ao seu destino e ao tempo que permanecerán nese lugar. Ademais, reclaman a retirada dos montes de terra acumulados na zona onde proximamente se celebrará unha festa, así como a reposición dun poste de formigón e da rede existente nese espazo.
Outra das iniciativas fai referencia ao Parque Pernas Peón, onde o PSOE denuncia o estado dos aseos públicos, afectados por numerosas pintadas e actos vandálicos. Aínda que atribúen estes danos a comportamentos incívicos, consideran que corresponde ao Concello reparar as instalacións e mantelas en condicións adecuadas para o seu uso.
Os socialistas tamén mostran a súa preocupación pola situación do estanque dos patos do parque. Segundo explican, presenta un nivel moi baixo de auga, acumulación de sucidade e algas, ademais da presenza dun pato morto que, aseguran, levaba varios días sen ser retirado. Por este motivo, pedirán ao Executivo local que actúe con urxencia para limpar o estanque, retirar o animal, recuperar un nivel adecuado de auga e establecer un plan de mantemento periódico que evite que esta situación volva repetirse.
A formación municipal tamén volve poñer o foco na Atalaia de Celeiro, onde recoñece que, tras unha denuncia pública realizada hai unhas semanas, o Goberno levou a cabo algúns traballos de limpeza. Con todo, consideran que a intervención quedou incompleta, xa que seguen existindo zonas con maleza e as escaleiras de acceso continúan precisando reparacións.
Finalmente, o PSOE solicita información sobre as actuacións previstas no grupo de vivendas da Cabana, onde, segundo indica, persisten problemas derivados do crecemento da vexetación e da falta de mantemento das zonas comúns. Ademais, preguntará polo estado do plan municipal de limpeza anunciado polo Goberno local para este ano, ao entender que o coidado periódico destes espazos resulta esencial tanto para a seguridade como para a imaxe do municipio.