O PSOE de Viveiro destaca a colaboración institucional na reforma da Praza de Abastos

A voceira do PSOE de Viveiro, María Loureiro, anunciou que a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobará unha achega de 248.000 euros destinada á remodelación da Praza de Abastos de Viveiro, un proxecto impulsado polo goberno municipal para renovar estas instalacións.
Loureiro sinalou que o Grupo Socialista xa defendera no último pleno municipal que a institución provincial estaba disposta a colaborar economicamente coa actuación e asegurou que “en ningún momento” a Presidencia da Deputación pechara a porta a participar no financiamento da obra.
A responsable socialista afirmou que a prioridade do seu grupo continúa sendo “que Viveiro avance” e que os investimentos sigan chegando ao municipio, independentemente da situación política actual. Neste sentido, lembrou que o PSOE se atopa na oposición desde o cambio de goberno local, pero insistiu en que manterá a defensa de proxectos que considere beneficiosos para a veciñanza.
Segundo explicou, desde o PSOE entenden que se o Concello aposta por unha actuación de grande dimensión para modernizar a Praza de Abastos e solicita colaboración institucional, a Deputación debe implicarse economicamente para contribuír á súa execución.
María Loureiro tamén quixo poñer en valor a postura da presidenta da Deputación, á que atribuíu unha actitude de “responsabilidade institucional” ao manter a colaboración co Concello de Viveiro con independencia da cor política do goberno municipal.
Na súa intervención, a portavoz socialista contrapuxo esta situación coa relación que, segundo afirmou, mantivo Viveiro coa Xunta de Galicia durante anteriores mandatos. Loureiro asegurou que a actual alcaldesa, cando ocupou responsabilidades autonómicas como xefa territorial, non impulsou proxectos para o municipio nin evitou os bloqueos administrativos que, ao seu xuízo, sufría o Concello.
A líder socialista subliñou ademais que esta achega extraordinaria de 248.000 euros súmase aos fondos que a Deputación achega anualmente a través do Plan Deputación, así como aos convenios de colaboración vinculados á Semana Santa, ao Belén de Viveiro e a outras actividades culturais e turísticas da localidade.
“Mentres algúns intentan transmitir que a Deputación non colabora con Viveiro, os feitos demostran o contrario”, asegurou Loureiro, quen reiterou que o PSOE seguirá traballando “desde a oposición” para favorecer investimentos e actuacións que contribúan ao desenvolvemento do municipio.