O PSOE de Viveiro denuncia o deterioro da Atalaia de Celeiro e reclama unha actuación urxente do Concello

AMariñaXa
Os socialistas alertan do abandono das zonas verdes, do parque infantil e dos espazos públicos, e piden un plan de mantemento periódico para evitar que a situación se repita
ABANDONO-DA-ATALAIA-EN-CELEIRO-2026
17 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro criticou o estado de conservación da contorna da Atalaia de Celeiro, un dos espazos máis representativos da parroquia, tras asegurar que recibiu numerosas queixas da veciñanza e comprobar sobre o terreo a situación na que se atopa a zona.

Segundo explica a formación, a vexetación medrou de forma descontrolada tanto na praza como na contorna do cruceiro, ocupando bancos, escaleiras, itinerarios peonís e diferentes áreas de estancia, o que dificulta o seu uso habitual e transmite, ao seu xuízo, unha imaxe de abandono.

Os socialistas amosan unha especial preocupación polo parque infantil, unha infraestrutura renovada durante o anterior mandato municipal mediante un importante investimento e que, segundo sinalan, presenta actualmente as zonas verdes sen o mantemento necesario, deslucindo un espazo destinado ao lecer das familias.

O PSOE asegura que os propios residentes lles trasladaron que nunca antes se chegara a un nivel de deterioro semellante. Ademais, advirten de que a acumulación de maleza favorece a obstrución dos sumidoiros durante os episodios de fortes precipitacións, dificultando a evacuación da auga e incrementando o risco de inundacións nalgunhas vivendas situadas nas inmediacións.

A formación destaca que non adoita realizar denuncias públicas relacionadas co mantemento ordinario do municipio, ao considerar que un concello debe atender numerosos espazos e que poden producirse demoras puntuais nos labores de limpeza. Con todo, sostén que neste caso a situación responde a unha falta prolongada de conservación que, na súa opinión, non se corresponde coa importancia patrimonial e paisaxística da Atalaia de Celeiro.

Por este motivo, os socialistas instan ao Goberno local a executar con carácter inmediato un desbroce integral da zona, acometer a limpeza de escaleiras, bancos e zonas verdes, reparar os elementos deteriorados e implantar un programa periódico de mantemento que impida que o deterioro volva repetirse. Ademais, preguntan polo plan de desbroces e conservación anunciado en varias ocasións polo executivo municipal.

Desde o Grupo Municipal Socialista conclúen que a veciñanza merece espazos públicos limpos, seguros e en boas condicións de uso, especialmente nun enclave de especial valor histórico e turístico como a Atalaia de Celeiro, e insisten en que a súa reclamación responde ás demandas trasladadas polos propios veciños.

0.12506103515625