O PSOE de Viveiro celebra a volta dos obradoiros de emprego pero critica as negativas da Xunta en anos anteriores

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro amosou a súa valoración favorable ao anuncio realizado polo actual goberno local sobre a recuperación dos obradoiros de emprego, unha medida que consideran clave para impulsar a formación, a inserción laboral e o dinamismo económico do municipio.
Desde o PSOE sinalan que este tipo de iniciativas sempre formaron parte das súas prioridades cando estiveron á fronte do Concello. Por iso, aseguran que reciben con satisfacción a posta en marcha destes programas, ao tempo que lembran que durante os seus mandatos tamén trataron de impulsalos sen éxito.
Os socialistas explican que, nos últimos anos, o Concello presentou diferentes solicitudes para acceder a estes obradoiros, pero foron rexeitadas de maneira reiterada pola Xunta de Galicia. Segundo apuntan, as condicións para a concesión non eran claras e variaban con frecuencia, o que dificultaba a planificación e a adaptación ás esixencias técnicas.
Entre os principais obstáculos, mencionan os requisitos de homologación das instalacións municipais. Aseguran que desde a administración autonómica se lles indicou que os espazos propostos non cumprían as condicións necesarias, o que obrigaba a acometer reformas complexas e custosas para poder optar ás axudas.
A esta situación sumábase, segundo indican, a imposibilidade de obter a condición de concello emprendedor, un factor que incrementaba a puntuación nas convocatorias. Desde o PSOE explican que, debido á existencia dun plan de axuste, o Concello non podía cumprir cos compromisos esixidos para acceder a esta cualificación.
Como exemplos concretos, lembran intentos fallidos como a posta en marcha dun obradoiro de cociña en instalacións como o albergue de Area ou a valoración da escola de Galdo, opcións que finalmente non foron autorizadas. Tamén citan un proxecto de xardinería promovido xunto a outros concellos da Mariña, como Alfoz e O Valadouro, que non prosperou, mentres que estes mesmos municipios si lograron acceder ao programa en convocatorias posteriores.
Outro dos factores que dificultaban a participación, segundo os socialistas, era o modelo de financiamento existente naquel momento, xa que as axudas non cubrían o total do custo e obrigaban ao Concello a asumir unha parte do investimento, o que complicaba a súa viabilidade económica.
A voceira socialista, María Loureiro, indicou que en moitas ocasións se optou por non presentar novas solicitudes ante a previsión de que serían denegadas, segundo os informes técnicos dispoñibles, co obxectivo de evitar un uso innecesario de recursos municipais.
A pesar destas críticas, desde o PSOE trasladan unha mensaxe de apoio á actual convocatoria e celebran que Viveiro poida contar finalmente con estes obradoiros. Non obstante, insisten na necesidade de contextualizar a situación vivida en anos anteriores e consideran que existiu un trato desigual por parte da Xunta de Galicia.