Viveiro impulsará un obradoiro de emprego para formar e contratar a 20 persoas durante nove meses

O Concello de Viveiro vén de lograr unha subvención de 454.552 euros que permitirá poñer en marcha o obradoiro dual de emprego “Viveiro Mantén”, unha iniciativa que combinará formación teórica e práctica profesional para un total de 20 alumnos-traballadores ao longo de nove meses. O programa arrincará o vindeiro 1 de xuño e supón a recuperación deste tipo de accións formativas no municipio tras anos sen convocarse.
O proxecto estrutúrase en dúas especialidades: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e pintura industrial en construción, con dez prazas dispoñibles en cada unha delas. Ademais da aprendizaxe, o alumnado participará en actuacións reais en diferentes puntos do concello, contribuíndo á mellora de espazos públicos e equipamentos municipais.
Entre as intervencións previstas figuran actuacións en centros educativos como a Escola de Faro, a de San Pedro, o Grupo Escolar de Vieiro, a Escola de Magazos, o Grupo Escolar Calvoso ou a Escola de Xunqueira. Tamén se traballará en zonas verdes como os xardíns Noriega Varela, a área de Lodeiro, a Praza de Lugo ou os xardíns de Lavandeiras, en Celeiro, ademais da creación dun parque canino na Xunqueira.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou a relevancia desta iniciativa, subliñando que “había anos que non se solicitaban nin se desenvolvían obradoiros de emprego en Viveiro, algo que esta corporación quixo recuperar para ofrecer novas oportunidades”. Neste sentido, incidiu en que se trata dunha ferramenta clave “para que persoas sen emprego poidan formarse e mellorar as súas posibilidades de inserción laboral”.
Desde o Goberno local poñen en valor que este programa non só proporciona cualificación profesional, senón que tamén ten un impacto directo na mellora do municipio, ao actuar sobre espazos públicos que forman parte da vida diaria da veciñanza.
A duración total do obradoiro será de 1.440 horas e o financiamento distribuirase en dúas anualidades: 340.914 euros no ano 2026 e 113.638 euros en 2027. Do conxunto da achega, unha parte significativa destinarase aos custos salariais do alumnado, mentres que o resto cubrirá os gastos de formación e funcionamento.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente na Oficina de Emprego e cumprir cos requisitos establecidos, entre eles contar coa Educación Secundaria Obrigatoria ou unha titulación equivalente.
Para o executivo municipal, a posta en marcha de “Viveiro Mantén” representa un paso firme na aposta por políticas activas de emprego que teñan unha repercusión directa na cidadanía, facilitando o acceso ao mercado laboral e contribuíndo ao desenvolvemento local.