O PSOE de Viveiro acusa ao Goberno local de non informar do reparto gratuíto de gafas para o eclipse solar

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro criticou ao Goberno local por non comunicar á cidadanía a dispoñibilidade das gafas homologadas e dos dípticos informativos enviados pola Deputación de Lugo para facilitar unha observación segura do eclipse solar previsto para o vindeiro 12 de agosto.
Segundo sinalan os socialistas, a institución provincial participou activamente na preparación deste acontecemento astronómico mediante a organización de charlas divulgativas en distintos municipios, entre eles Viveiro, así como coa elaboración de material informativo e o reparto de gafas de protección destinadas aos concellos para a súa distribución gratuíta entre a veciñanza ata esgotar existencias.
Con todo, o PSOE denuncia que o Concello non realizou ningunha comunicación pública para informar da chegada deste material nin do lugar onde podía recollerse, unha circunstancia que, ao seu xuízo, impediu que moitas persoas coñecesen a existencia deste recurso.
O grupo da oposición considera que esta actuación responde a un "dobre criterio" na forma de visibilizar a colaboración doutras administracións. Segundo indican, mentres a presenza da Xunta de Galicia figura habitualmente na comunicación institucional e nos actos municipais, aseguran que as iniciativas impulsadas pola Deputación de Lugo non reciben o mesmo tratamento informativo.
Os socialistas defenden que a información institucional debe ofrecerse con criterios de igualdade, independentemente da administración que promova cada actuación, especialmente cando se trata de iniciativas que repercuten directamente no benestar da cidadanía.
Desde o Grupo Municipal Socialista lembran que a Deputación desenvolveu diversas accións divulgativas arredor do eclipse e facilitou material de protección aos concellos para favorecer unha observación segura deste fenómeno. Por iso, consideran que o Concello debería ter informado da dispoñibilidade das gafas para que a veciñanza puidese retiralas mentres houbese existencias.
Finalmente, o PSOE de Viveiro lamenta que, ao seu entender, non se priorizase o dereito da cidadanía a recibir esta información e reclama unha maior lealdade institucional á hora de difundir todas aquelas actuacións que redunden no interese xeral.