O PSOE de Mondoñedo denuncia que o vehículo de Protección Civil circula coa ITV caducada

AMariñaXa
Os socialistas pedirán explicacións ao PP no pleno e cuestionan a xestión dun servizo público tras varias incidencias relacionadas co coche municipal
coche-proteccion-civil-mondoñedo-sen-ITV
26 Jun 2026

O PSOE de Mondoñedo denunciou que o vehículo de Protección Civil do municipio estaría circulando coa ITV caducada, unha situación que, segundo indican, puideron comprobar directamente e sobre a que pedirán explicacións ao goberno local do PP na vindeira sesión plenaria.

Desde a formación socialista aseguran que a inspección técnica do vehículo caducou no mes de maio, tal e como figura na propia pegatina do coche. Ademais, sinalan que o vehículo acudiu o pasado 12 de xuño á revisión correspondente, obtendo un resultado desfavorable. A pesar diso, denuncian que o coche continuou sendo utilizado posteriormente.

O PSOE vincula esta situación co accidente rexistrado o 13 de xuño en Maariz, no que faleceu unha peregrina. Segundo indican, a Xefatura de Tráfico requiriu o servizo de Protección Civil para trasladar a Lugo ao acompañante da vítima, pero este servizo non chegou a realizarse. Os socialistas cuestionan a capacidade de resposta do dispositivo de emerxencias e preguntan pola súa eficacia se, segundo aseguran, non pode cumprir a súa función debido á falta de control sobre os medios dispoñibles.

A formación tamén puxo en valor que nese caso o Concello optase por poñer un taxi á disposición do acompañante, unha medida que consideran unha alternativa segura ante a situación existente.

Os socialistas sosteñen ademais que este non sería un caso illado e lembran outras dúas incidencias anteriores relacionadas co mesmo vehículo: unha sanción por exceso de velocidade e outra situación na que, segundo a súa versión, o concelleiro de Obras deu positivo nun control de alcoholemia mentres conducía o coche municipal.

Para o PSOE, estes feitos evidencian un patrón de descontrol na utilización dun recurso público e consideran especialmente preocupante que, mentres se incumpren obrigas legais, o vehículo continúe empregándose para outras actividades. Por este motivo, a formación reclama ao goberno local transparencia, responsabilidade e un cumprimento rigoroso das normas de seguridade viaria nos vehículos destinados aos servizos públicos e de emerxencia.

0.13551497459412