O PSdeG de Xove reclama ao Concello que inspeccione e limpe as parcelas con risco de incendio

AMariñaXa
Os socialistas piden actuar nas franxas de protección próximas ás vivendas e a infraestruturas sensibles e instan ao Goberno local a facer cumprir a normativa vixente
PSdeG-Xove---Solicitude-inspección-e-limpeza-de-parcelas-2026
20 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Xove vén de presentar no Concello unha solicitude para instar ao Goberno local a reforzar as actuacións de prevención de incendios mediante a inspección das parcelas que poidan incumprir as obrigas de xestión da biomasa. A formación considera necesario actuar con carácter urxente para reducir o risco en zonas próximas a vivendas e a instalacións consideradas sensibles.

Desde o PSdeG sinalan que existen diferentes parcelas no municipio nas que se acumula abundante vexetación, unha situación que, ao seu xuízo, podería vulnerar a normativa galega de prevención e defensa contra os incendios forestais. Os socialistas advirten de que esta falta de mantemento supón un risco para a seguridade das persoas, dos inmobles e da contorna.

Entre os espazos que poñen como exemplo figuran catro parcelas situadas na marxe dereita da rúa Pedride, en dirección ao Palmeiro, así como terreos próximos a depósitos de auga e casetas de transformación eléctrica. Segundo explican, a presenza de maleza nestes lugares incrementa o perigo en caso de lume e fai necesario actuar con anticipación.

A formación socialista lembra que a lexislación autonómica establece obrigas concretas para os propietarios en materia de limpeza e mantemento das franxas de protección e considera que o Concello dispón dos mecanismos necesarios para detectar os incumprimentos e requirir as actuacións correspondentes.

Na iniciativa rexistrada, o PSdeG solicita que os servizos técnicos municipais revisen as parcelas situadas nas proximidades das vivendas en todo o termo municipal. Así mesmo, pide que, se se comproba o incumprimento da normativa, se notifique aos propietarios a obriga de realizar a limpeza dentro dos prazos establecidos e que, no caso de persistir a situación, o Concello aplique as medidas previstas na lei, incluída a execución subsidiaria.

Os socialistas aseguran que o seu propósito é reforzar a prevención e garantir a protección da veciñanza e do territorio. Ao mesmo tempo, critican a xestión do Goberno local nesta materia e consideran que é preciso actuar con maior planificación para evitar situacións de risco, lembrando que o alcalde, Demetrio Salgueiro, tamén exerce como responsable de Protección Civil no municipio.

0.12908697128296