O PSdeG de Viveiro destaca as explicacións do Goberno sobre a corta de árbores na estrada de Santo Albites

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro solicitou explicacións no último Pleno ordinario sobre os traballos que o Concello está a executar na estrada que comunica a LU-102 coa contorna de Santo Albites, As Nogueiras e o cemiterio municipal, onde nas últimas semanas se procedeu á retirada de varios exemplares de árbores.
A formación trasladou ao equipo de goberno as dúbidas expresadas por veciños da zona, que aseguraban que a intervención ía máis aló dunha simple poda, tal e como se anunciara inicialmente, e interesouse polos criterios técnicos que motivaron a eliminación de parte da arborada.
Segundo explicaron desde o executivo local durante a sesión plenaria, a actuación responde a un informe emitido polo Servizo Provincial de Bombeiros, no que se advirte da necesidade de ampliar o espazo dispoñible para facilitar o acceso e as manobras dos vehículos de emerxencia. O Concello precisou que a corta afecta unicamente aos plataneiros situados ata o cruzamento de Santo Albites, mentres que no resto do tramo das Nogueiras os traballos consistirán exclusivamente na poda das árbores.
O Goberno municipal indicou tamén que os exemplares retirados pertencen a unha especie non autóctona e avanzou que serán substituídos por árbores autóctonas nunha zona verde próxima.
Tras recibir estas explicacións, o Grupo Municipal Socialista valorou positivamente a información facilitada polo executivo, ao considerar que permite comprender os motivos da actuación e o compromiso de reposición da arborada. Así mesmo, defendeu que este tipo de intervencións deben ir acompañadas dunha comunicación clara coa cidadanía para evitar incertezas e favorecer unha maior transparencia na xestión municipal.