O programa “Eu Como Peixe de Burela” regresa ás aulas para fomentar hábitos saudables entre a infancia

AMariñaXa
Arredor de 80 alumnos e alumnas dun centro educativo de Foz participaron na primeira actividade da nova tempada promovida pola OPP do Porto de Burela
opp-burela-eu-como-peixe-2026
3 Jun 2026

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela puxo en marcha unha nova edición das súas xornadas divulgativas “Eu Como Peixe de Burela”, unha iniciativa destinada a achegar o sector pesqueiro aos máis novos e a promover o consumo de peixe entre a poboación infantil da Mariña Lucense.

A primeira parada desta nova tempada tivo lugar no CPR Plurilingüe Nosa Señora do Pilar, en Foz, onde preto de 80 escolares de educación infantil e primaria participaron nunha sesión didáctica centrada nos beneficios nutricionais do peixe e na importancia de incorporar este alimento á dieta habitual.

A actividade desenvolveuse coa colaboración da dietista Alba Vila, encargada de impartir a charla divulgativa. Antes do seu inicio, o secretario técnico da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, José Manuel Beltrán, deu a benvida aos participantes e destacou a relevancia deste tipo de accións para achegar ás novas xeracións a realidade dun dos sectores económicos máis importantes da comarca.

Durante a xornada, os nenos e nenas, con idades comprendidas entre os tres e os sete anos, puideron descubrir curiosidades sobre algunhas das especies máis representativas que se comercializan na lonxa burelá. A través de explicacións adaptadas á súa idade e de materiais visuais, coñeceron características da pescada do pincho, do peixe sapo, do peixe espada, da cabala e do bonito do norte.

A sesión tamén serviu para explicar as diferenzas entre o peixe azul e o peixe branco, así como as propiedades nutricionais que converten estes produtos nunha opción recomendable para unha alimentación equilibrada. A participación do alumnado foi constante ao longo da actividade, respondendo preguntas e interactuando coas explicacións ofrecidas.

Como peche da xornada, os escolares recibiron un pequeno agasallo relacionado coa temática da actividade: un mandil e un gorro de cociñeiro, co propósito de reforzar de maneira lúdica as mensaxes transmitidas durante a visita.

O programa “Eu Como Peixe de Burela” forma parte das accións incluídas no plan de produción e comercialización da OPP-7 Porto de Burela e conta co apoio da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Desde a súa posta en marcha, ao final do curso 2021-2022, esta iniciativa consolidouse como unha das principais ferramentas de divulgación da organización entre o público infantil.

Ao longo destes anos, as actividades chegaron xa a arredor de 700 escolares pertencentes a 13 centros educativos de diferentes concellos da Mariña Lucense. O proxecto percorreu localidades como Burela, Ribadeo, Xove, Cervo, Nois, Foz, Ferreira do Valadouro, Alfoz, San Cosme de Barreiros e Trabada, contribuíndo a difundir o coñecemento sobre o sector pesqueiro e a importancia do consumo de produtos do mar desde as primeiras etapas educativas.

0.11966609954834