O PP urxe a renovación do firme e realizar o mantemento periódico da LU-P-6402, no Vicedo

Os deputados do Grupo Provincial Popular reclaman, unha vez máis, ao goberno de PSOE e BNG “unha preocupación real polo mantemento da rede viaria provincial” xa que “a seguridade viaria non foi nin é unha preocupación para este goberno provincial á vista do nulo mantemento que realizan da súa rede viaria”.
Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, xunto ao alcalde do Vicedo, Jesús Novo, comprobaron “como neste municipio a falta de mantemento das estradas provinciais tamén é unha triste realidade”.
Os deputados provinciais comprobaron, entre outras estradas, a LU-P-6402 que, entre outros puntos, presenta numerosas deficiencias á altura do PK5.300, aproximadamente.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, insiste na necesidade de renovar esta vía xa que, sobre todo nos meses de verán, conta cunha elevada densidade de circulación. “É preciso renovar o firme, así como non esquecer os desbroces e a limpeza das cunetas xa que a auga corre pola estrada, polo que aumenta o desgaste do firme e, como consecuencia, tamén diminúe a seguridade”, recordou.
Ameijide tamén recordou que neste mandato “xa pedimos en varias ocasións que a Deputación poña en marcha un plan de mantemento de estradas” pero “tanto PSOE como BNG sempre votaron en contra do mesmo”. Un plan que establecía que se dera prioridade a aquelas estradas nas que houbera máis anos que non se realizaban labores de mantemento ou nas que houbera que actuar de inmediato por motivos de urxencia e seguridade viaria.