O PP pedirá que se garanta a seguridade nos tres accesos á praia de San Bartolo, en Barreiros
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros veñen denunciando dende hai moitos meses o risco que hai para todos os veciños e turistas polo estado no que se atopa unha fosa existente na praia de San Bartolo, ao carón da escalinata central de baixada á mesma, na súa marxe dereita, fosa de aproximadamente tres metros de ancho e dez de profundidade, con perigo para a integridade física e mesmo á vida humana de veciños e visitantes.
Ademais de dita fosa, existe outra, algo máis pequena, igualmente moi perigosa, mao pé dun paseo peonil, na zona detrás do Hotel-Restaurante Acantilado, e que está sen valar nin sinalizar. Neste senso, o voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que “pese a todas as denuncias públicas que realizamos e todas as mocións que defendemos no pleno, nada se fixo” polo que “vémonos na obriga de insistir para que o Concello de Barreiros tome as medidas oportunas”.
Por iso, os concelleiros populares defenderán no vindeiro pleno unha moción que o Goberno local de Barreiros pecge de forma eficaz os accesos para impedir que calquera poida achegarse ás fosas, evitando así calquera risco. Do mesmo xeito, tamén se pedira que se inste á Demarcación de Costas a que adopte as medidas necesarias para repoñer os dous afundimentos o seu estado orixinal. A realidade é que estas fosas son moi perigosas, sobre todo pola noite e nas horas
de pouca luz xa que poden ser dificilmente visibles.
“Consideramos unha absoluta neglixencia e dolo a xestión do Concello de Barreiros con respecto a esta situación, que se desentende de forma dolosa, grave e reiterada das competencias municipais atribuídas pola lexislación estatal, polo que instamos novamente a urxente toma de medidas de seguridade, mantemento e iluminación de dita zona, en especial das fosas xa referidas”, sinalou o voceiro popular, que engade que “no caso de que suceda calquera tipo de accidente o
responsable directo será o Goberno Municipal xa que o mantemento dos espazos públicos e da seguridade das persoas non están a ser correctamente por parte do Goberno local”.