O PP denuncia a perda de frecuencias e o deterioro do FEVE na Mariña e reclama un cambio de Goberno

O Partido Popular volveu poñer o foco no estado da liña de FEVE na Mariña durante unha visita este venres á estación de San Cibrao, en Cervo, na que participaron o candidato mariñán ao Congreso, Jaime De Olano, alcaldes e outros representantes da formación. Os populares denunciaron o deterioro do servizo ferroviario, a redución de frecuencias e a falta de mantemento das instalacións.
De Olano asegurou que durante o primeiro trimestre de 2026 canceláronse máis dun cento de servizos entre Ferrol e Ribadeo e considerou que a situación da liña forma parte dunha crise de xestión ferroviaria do Goberno central. O candidato reclamou trens que circulen con regularidade, horarios útiles, mantemento e garantías para os usuarios.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García, lembrou que en 2018 a liña contaba con oito frecuencias diarias, fronte ás catro actuais, e criticou o estado da estación de San Cibrao. Pola súa banda, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, atribuíu a perda de usuarios ao abandono do servizo e a uns tempos de viaxe que, ao seu xuízo, fan que o tren deixe de ser unha alternativa útil.
Os representantes populares tamén cuestionaron os compromisos de mellora anunciados en anos anteriores. Segundo o PP, Renfe previra en 2018 un plan para mellorar a calidade do servizo entre Ferrol e Ribadeo que non chegou a executarse. A formación lembrou ademais un acordo aprobado no Senado en outubro de 2025 para reclamar melloras na liña.
O partido denunciou igualmente a falta de avances na incorporación de novos trens, que inicialmente debían estar operativos en 2024, e na electrificación da infraestrutura.
De Olano criticou a xestión ferroviaria do Executivo central e reclamou un cambio político que permita impulsar os investimentos pendentes na comarca. Os populares sosteñen que a modernización do FEVE é necesaria para recuperar a demanda e garantir un servizo que consideran estratéxico para a mobilidade da Mariña.